Ames programa 13 montaxes escénicas ata xuño, dúas delas estreas

La Voz

AMES

.

Os bonos estarán á venda a partir deste mércores 

17 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Trece espectáculos conforman a programación de artes escénicas de Ames durante o primeiro semestre do 2025. Trátase, maioritariamente, de teatro para adultos, pero tamén haberá danza, circo e propostas para a cativada. Nesta programación destacan dúas estreas: «Tromsø», de Morraoconto (21 de marzo), e «Dance join», un espectáculo de danza de Marta Alonso (día 20 de marzo, O Milladoiro).

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte a presentación desta programación nun acto ao que asistiron representantes de compañías, así como o alcalde, Blas García; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez. A programación comezará o día 17 de xaneiro con Sarabela Teatro. Seguiralle o día 31 Contraproducións. Xa en febreiro chegará Amorodio. Talía Teatro abrirá as representacións de marzo. Tamén se subirán ao escenario Ibuprofeno, Morraoconto e Produccións Teatrais Excéntricas. En abril será a quenda de ButacaZero e en maio, de BerroBambán. A programación infantil comezará en xaneiro con Elefante Elegante, e segue en febreiro con Xampatito Pato. En canto a danza, haberá dúas citas. Á de Marta Alonso, engádeselle Ixa en abril. Os bonos póñense á venda desde mañá ao 7 de xaneiro por 25 euros. Haberá un total de 50, aumentando a cantidade ofertada o ano pasado. As entradas individuais poderán adquirirse a partir do 8 de xaneiro a través da billetería electrónica do Concello.