A tapizaría de Leira cose os retallos do seu futuro

Alicia pedreira ORDES / LA VOZ

ORDES

A tapizaría de Leira prepara o seu relevo xeracional cun traslado ao polígono industrial de Ordes.
A tapizaría de Leira prepara o seu relevo xeracional cun traslado ao polígono industrial de Ordes. A.P.< / span>

09 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

quina de coser, fío, agullas e un cento de retallos. Podería tratarse dun taller de confección de roupa. Pero non. É unha tapizaría, o lugar onde se lle concede unha segunda oportunidade aos asentos dun coche que acusan o paso dos anos. Onde se dá vida á estrutura dun sofá. E onde a habilidade e a imaxinación camiñan cada día parellos da man.

«Cada día fas unha cousa distinta e sempre estás aprendendo», asegura José Antonio Candal, o tapiceiro de Leira, o dono da única tapizaría de Ordes e de moitos quilómetros á redonda. As súas mans acumulan nada menos que cincuenta anos de experiencia nun oficio que segue sendo artesanal. Nel as horas ao pé da máquina de coser alternan con outras nas que hai que coller o fío e a agulla e coser de xeito manual.

Esta semana, despois de trinta e tres anos coa tapizaría metida na súa propia casa, José Antonio trasladouse con todos os seus apeiros a unha nave do polígono empresarial de Ordes. «Sobre todo por motivos de espazo», comenta, pero tamén pola insistencia de quen vén detrás pisando forte e advirte nesta nova ubicación mellores oportunidades de traballo. Porque si, a súa tapizaría é un deses casos que invitan ao optimismo nestes tempos difíciles nos que parece que case todo está condenado ao fracaso.

Pablo ten só trinta e un anos, pero xa leva doce traballando co seu pai no negocio familiar. É consciente de que ter na propia casa unha oportunidade laboral é unha vantaxe, pero o brío que evidencia ao falar é algo que non se compra nin toca, senón que se herda. E por se fora pouco, hai un ano sumouse a esta pequena factoría Begoña, a parella de Pablo. «Fun para a súa casa unha temporada que el estivo enfermo. Díxenlle a miña nai que volvería, pero quedei aquí para sempre», relata. Ela xa dominaba a arte de coser pero desde un ámbito moi distinto, o da moda. Iso, e ter «moi bos mestres» axudoulle a aprender en pouco tempo un oficio que lle encanta. «É moi entretido e moi agradecido. Cando ves algo rematado a satisfacción é enorme», explica.

O traslado ao polígono supón tamén unha mellora sustancial na súa vida persoal. «Axúdanos a desconectar con máis facilidade do traballo», sinalan Pablo e Begoña. Para José Antonio este aspecto parece ter menos relevancia. Ben por estar acostumado a que a liña entre unha cousa e a outra sexa case invisible, ou por un exceso de bondade, resta importancia ao feito de ter atendido moitas veces encargos feitos a horas intempestivas.

A falta de catro anos para a xubilación, asegura ter ganas de que chegue ese momento. «Cada etapa da vida é diferente e ten as súas cousas boas, por iso estou contento». Se cadra tamén conta a tranquilidade de saber que o negocio, no que se respira o entusiasmo e a amabilidade nada máis entrar pola porta, queda en boas mans. «Iso terás que preguntarllo a clientela», afirma mentres esboza cara o seu fillo un cómplice sorriso que o di todo sen necesidade de dicir nada.