Os profesores da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas, Rexina Vega e Manuel Forcadela reflexionarán hoxe na Casa de Rosalía, en Padrón, sobre a figura da escritora. Será a partir das 10.30 horas e, nesta ocasión, asistirán alumnos Erasmus que cursan cultura galega e outros do programa de maiores. Os Encontros na Casa de Rosalía están dirixidos ao público universitario, pero tamén xeral.
No marco destas xornadas, a Fundación Rosalía concederá a insignia Rosa de Galicia á Universidade de Vigo, representada polo seu reitor, Salustiano Mato, como recoñecemento institucional polo seu apoio e colaboración durante os últimos anos.
Mañá, sábado, continuarán os recoñecementos da Fundación Rosalía e da Casa-Museo. Con motivo do Día Internacional da Muller, renderanlle homenaxe ás poetas Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Pura Vázquez e Xela Arias, que formaban parte do grupo Daquelas que cantan. Será a partir das 19 horas e intervirán Helena González, Mercedes Queixas, Camiño Noia e Chus Nogueira, coordinadas por Ana Blanco. Ao rematar haberá un concerto con arpa a cargo de Rodrigo Romaní.