Máis luz sobre Rosalía de Castro

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

PADRÓN

Archivo Histórico Diocesano Arzobispado de Madrid

18 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As zonas escuras da biografía de Rosalía de Castro van saíndo á luz grazas ao excelente labor de investigadoras que unen á curiosidade intelectual a paciencia. O último achado débese a Sagrario Abelleira que, en colaboración coa arquiveira Irene Galindo, exhumou o expediente matrimonial de Rosalía e Murguía. O proceso de investigación é digno dos maiores eloxios. Tras procuras infrutuosos no Arquivo diocesano de Madrid, os papeis apareceron onde ninguén podería imaxinalo, na Sección de Pobres! duns fondos da Vigairía e Provisorato do Arcebispado de Madrid. Murguía solicitara por falta de recursos a exención do pago das taxas esixidas pola Iglesia, e polo visto concedéronllo.

Entre os documentos atopados, hai unha declaración ante notario en 1843 de dona Teresa de Castro na que dá a data exacta do nacemento de Rosalía, que foi o 23 de febreiro, e recoñece a Rosalía como a súa filla natural. Este achado completa os datos que proporcionou o padrón de habitantes de Padrón de 1842, que demostraba que Rosalía vivía alí coa súa nai nesa data. Aquel documento foi descuberto pola entón bolseira Dolores Poch, anunciouno en conferencia Andrés Pociña e foi analizado en profundidade por Victoria Álvarez de Toledo. Agora o traballo de Abelleira e Galindo aclara definitivamente o papel da nai na vida de Rosalía.

O meu parabén máis cordial e un especial agradecemento por proporcionar documentación ao que sempre foi a miña opinión desde os meus primeiros estudos sobre Rosalía: que dona Teresa de Castro non abandonou en ningún momento á súa filla.