Xoán Miguéns: «No século XIX xa houbo unha guerra do tren entre o norte e o sur de Galicia»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

PADRÓN

Martina Miser

Miguéns recolleu en 24 relatos a maxia do primeiro ferrocarril galego

18 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen profesións, ocupacións, das que un se desprende sen ollar atrás en canto cesa no seu desempeño. A de ferroviario non pertence a esa categoría. A fascinación polo tren agromou nel ben cedo, dende que, sendo un meniño, os seus pais levárono á Pascua de Padrón. «Era a primeira vez que montaba nun, e aquela viaxe foi extraordinaria por moitas razóns», explica Xoán Lois Miguéns García (Vilagarcía, 1948), excelente coñecedor da primeira liña de ferrocarril da historia de Galicia, a que unía Carril con Cornes (hoxe Vilagarcía e Santiago) e o venres cumpriu 150 anos. No fundamental, o seu trazado é o mesmo que aínda hoxe percorren os servizos rexionais que comunican Vigo e A Coruña, e segue a marabillar os pasaxeiros ao abeirar a ría de Arousa e a desembocadura do Ulla.

Xoán Lois é o autor dun libro de referencia que, quince anos despois da súa publicación por parte do Consorcio de Santiago e da editorial Sotelo Blanco, é ben difícil de atopar. Historias do Carril-Cornes é unha escolma de 24 relatos recollidos sobre os raís ao longo de toda unha vida dedicada ao ferrocarril. «Sendo mociño, no 64, puiden ingresar na escola de Ourense, e xa non deixei o tren ata que me xubilei no 2009». O seu era, confirma, un oficio que marcaba: «Un dito que escoitei ao pouco de ingresar era que, nos tempos máis duros, a fame chegaba á porta do ferroviario, pero non pasaba dentro; claro, cando menos tiñas un soldo fixo, e iso non era pouco».

Á vista de por onde foron os tiros [malia ser este o primeiro camiño de ferro galego, en realidade os esforzos institucionais centráronse na liña A Coruña-Lugo, a que dez anos despois, en 1883, comunicaría Galicia con Madrid] hai quen pensa na forxa deste tren pioneiro, popularmente coñecido coma o Compostelán, en termos dunha especie de excepcionalidade, case unha rareza. Nada máis lonxe da realidade. «Aquí hai que distinguir dúas partes. A primeira é a guerra do tren que xa no século XIX se desata entre a Galicia do norte e a Galicia do sur, que se decanta polo norte polo peso de xente coma o conde Pallarés e outros persoeiros destacados, que se moveron en Madrid coas artes políticas do seu tempo. A outra é o forte interese económico que impulsou o Carril-Cornes, nunha época na que se estaba saíndo da forte crise que se desatara nas décadas anteriores. O obxectivo era unir Santiago co mar de Arousa para poder exportar e importar, sobre todo teas».

Malia ser caro ao principio (o billete en terceira clase naquela viaxe inaugural custou 9,07 reais) e esa vocación comercial, o Compostelán axiña acadou unha determinante dimensión social. «Púñanse trens especiais para ir ao santuario da Escravitude e á praia; tamén para os lumes do Apóstolo e o Combate Naval de Vilagarcía. Na entrada a Santiago había unha pequena costa, e a máquina viña case ao paso. Os mozos aproveitaban para presumir de que foran no tren, aínda que chegasen andando e sen pagar. Mesmo a Garda Civil tivo que poñer orde no asunto».

Dentro dos 24 relatos que Xoán Lois recolleu e publicou, hai un estarrecedor: «Tiven a honra de entrevistar un home que presenciou o accidente do 20 de maio de 1952, entre Padrón e A Escravitude, cando dúas cisternas de gasolina chocaron cun tren de viaxeiros que ía a todo pistón. Os vagóns incendiáronse. El, que daquela tiña 24 anos, viaxaba no último, no mesmo cás monxas, ás que axudou a baixar. Morreron unha vintena de persoas».