
Actividades para todas as idades no festival na Casa Museo de Rosalía en Padrón
14 jul 2025 . Actualizado a las 13:51 h.Un público familiar, de todas as idades, gozou onte da ampla variedade de manifestacións da cultura galega, máis de vinte actividades diversas, ofrecida polo festival Abride a Fiestra, promovido pola Fundación Rosalía de Castro na Casa Museo da escritora en Padrón, no seu auditorio e no seu xardín, que serviu tanto de escenario cultural como de xantar de moitos asistentes que quixeron sacarlle o máximo rendemento a unha xornada de portas abertas que se prolongou dende as once da mañá ata as doce da noite.

Nesta sétima edición tiveron un especial protagonismo a cultura popular e as pandeireteiras, coa conversa na que participaron Mercedes Peón, Ana Fernández, Susana Aríns e Andrea Nunes —Ana Romaní non puido asistir—, e tamén outras manifestacións musicais representadas por Gloria Pavía & Rafa Morales, os portugueses Canto d´Aquí e De Ninghures, que encheron o auditorio e o xardín, así como a agardada actuación do actor e humorista Carlos Blanco.

A cativada tamén tivo moitos motivos para o entreterse aprendendo, coa actuación de Paco Nogueiras, os xogos tradicionais, un taller de obxectos sonoros ou a escape-room pola Casa Museo, na que se sucederon as visitas guiadas e os actos literarios con Berta Dávila e Ana G. Liste, Pilar García Negro e Carme F. Pérez Sanjulián.