O pemento de Herbón volve a triunfar na súa festa gastronómica, que repartiu 4.000 quilogramos

La Voz PADRÓN

PADRÓN

A cita na carballeira do convento franciscano foi un éxito de público

03 ago 2025 . Actualizado a las 08:30 h.

O pemento de Herbón volveu a triunfar no primeiro sábado de agosto. Á sombra da carballeira do convento franciscano da parroquia de Padrón, cunha lixeira brisa e co olor a pemento fritido, a festa gastronómica organizada polos veciños e produtores para exaltar o produto máis valorado da súa terra foi todo un éxito de asistencia de público e mesmo de participación na procesión agrícola motorizada, que bateu récord con 32 tractores grandes e pequenos. Entre eles o gañador da edición do ano pasado que, como manda a tradición, foi o primeiro en entrar na carballeira portando a imaxe do patrono da parroquia, San Antonio. 

Pasadas as doce da mañá, cando aínda non estaba o aceite quente nas 15 tixolas dispostas para fritir o pemento, xa había cola de persoas para recoller o seu prato con pementos, pan de millo e cachelos. A organización tiña preparados 3.500 pratos, que non chegaron, para servir pementos a fartar, arredor de 4.000 quilogramos, que foron doados polos veciños e produtores da parroquia. 

A degustación comezou tralo pregón da agricultora e creadora de contidos Nuska Alma, da canle Vella Chousa, quen lembrou os vínculos que a unen a Padrón, comezando porque este era un dos lugares nos que hai uns corenta anos viña a vender os domingos. Na capital do Sar tamén mercou a tela para o seu vestido de voda, de cor verde, na Boutique El Trapo, segundo recordou. Xa centrada na exaltación do pemento, a pregoeira fixo un exame rápido de como se deben fritir os pementos e tamén unha enquisa de se hai que facelo con ou sen rabo. Non houbo lugar a dúbidas: sen rabo. Ela recoñeceu que os frite co rabo, polo que xa temeu que lle quitasen o título de pregoeira. 

Tamén amosou a súa gran admiración polo feito de que Herbón loitara por obter unha denominación de orixe para o pemento, «o que requeire dun traballo de moitos anos e de superar moitas trabas», dixo. Nuska Alma falou de que é consciente de que no pemento de Herbón hai problemas para o relevo, e mesmo que na propia organización da festa, pero amosouse convencida de que as novas xeracións van seguir coa tradición do pemento: «Sempre vai haber xente que vai seguir co cultivo e coa festa», á que lle augurou outros 2.000 anos máis, como mínimo, asegurou. A pregoeira lembrou que, a través da súa canle, constata que «hai xente que quere aprender a cultivar a súa propia comida». 

Nuska Alma participou na entrega dos premios aos mellores tractores engalanados con motivos do pemento e da horta de Herbón e que foron en procesión ata o centro da vila padronesa. Xunto a ela, entregaron premios un membro da comisión organizadora, o alcalde de Padrón, Anxo Arca e un dos máximos colaboradores da festa e empresario, Andrés Quintá, todo nun acto presentado por Héctor Bermúdez, de Radio Valga. Á hora de recoller os premios, ao palco subiron moitos nenos, que quizais sexan os produtores do futuro. 

A cita, que está declarada de interese turístico de Galicia, volveu a demostrar o grande interese que desperta, sobre todo entre turistas, peregrinos e, en xeral, dos que gustan do auténtico pemento de Herbón, que foi o verdadeiro protagonista no prato, pero tamén nos centos de fotografías e vídeos que fixo o público, especialmente na zona das tixolas. 

Como rezaba o cartel dun dos tractores participantes na procesión, moitos hoxe foron a Herbón polo pemento e quedaron pola festa, na carballeira na que tamén puideron gozar da música tradicional e de charanga, dunha pulpería, rosquillas e mesmo xeados, sen contar a cantina, nun día perfecto de romaría.