Carme Pazos: «Cada vez se demandan máis produtos ecolóxicos e se aposta por comer san»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

A veciña de Rois, que empezou «como quen non quere a cousa» asegura que este tipo de cultivo ten futuro na comarca e en Galicia

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de agricultura ecolóxica en Rois é falar, necesariamente, de Carme Pazos Rabuñal. Dende hai catorce anos, é o medio de vida desta veciña de Socastro, na parroquia de Herbogo, de 54 anos, que empezou neste tipo de cultivo «como quen non quere a cousa», case obrigada pola falla de rendibilidade dunha explotación gandeira que se levou por diante a crise do leite, como a moitas outras pequenas de Galicia.

Pero Carme Pazos, muller loitadora coma poucas, non se arredou e decidiu cambiar as vacas de leite polas de carne, ao tempo que empezou a traballar a horta de forma profesional.

Foi nun momento no que os Concellos de Rois, Dodro e Ames promoveron charlas sobre a agricultura ecolóxica e puxeron en marcha o proxecto Amorodo, para comercializalos produtos. Para a veciña de Rois foi o trampolín para dar o paso en solitario e, dende hai 12 anos, ten o seu propio posto na praza de abastos de Vilagarcía, Ecolóxicos Carme, no que vende os martes e sábados. Tamén vai dous domingos ao mes a Coruña, a un mercado ecolóxico. «O resto do tempo fai falla para traballar na horta».

Ela ten tres hectáreas de terreo certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), a maior parte na aldea na que vive, en Socastro, e outras tres fincas noutros núcleos próximos, Rubieiro e Espai. En todo ese terreo cultiva unha grande variedade de hortalizas e verduras, todas ecolóxicas, xa que conta Carme Pazos que a variedade, a diversidade e a rotación dos produtos é «moi importante» nese tipo de agricultura, por varios motivos. Primeiro por rendibilidade económica de modo que se falla un produto, «tes outro recurso», pero tamén conta que así «é máis fácil controlar as pragas xa que unhas plantas axudan a outras».

Ademais da variedade, explica que ela pechou o ciclo da agricultura ecolóxica, de modo que cría gando, do país, que lle proporciona o abono natural para as súas terras, «algo fundamental», e mesmo produce de forma ecolóxica os cereais que comen: trigo, millo, centeo, ao tempo que tamén moe e vende a fariña, ecolóxica, por suposto.

A veciña de Rois leva 14 anos no sector e considera que a agricultura ecolóxica ten futuro porque «cada vez hai máis demanda dos produtos» xa que, explica, «a xente vaise concienciando de que cada vez hai máis enfermidades; esa é a triste realidade». De feito, afirma que ten moitos clientes que están afectados por cáncer, aínda que tamén cada vez ten máis compradores novos que apostan polo ecolóxico porque «queren comer san e ven que o ecolóxico non é moito máis caro que o convencional, que pouca diferenza hai, sobre todo se lle mercas ao produtor». Apostar polo ecolóxico, di Carme, e apostar «por unha forma distinta de producir, polo sabor e pola calidade do produto».

Tamén ten familias que lle van mercar directamente a casa polo que, hai veces, que non dá producido para cubrir a demanda, polo que recorre a produtos de compañeiros certificados, entre eles da asociación Amipa, e así lle lo fai saber aos clientes que os mercan.

A súas terras están «nunha boa zona para agricultura ecolóxica», no alto da parroquia de Herbogo, cun «microclima». Pero, para ela, Galicia en xeral é unha boa terra para traballar e máis aínda a comarca do Sar e o concello de Rois, sen grandes explotacións gandeiras e, por tanto, sen unha forte presenza de herbicidas que farían imposible a certificación como agricultura ecolóxica.

O verán é unha época frouxa para as vendas, segundo di, porque «todo o mundo ten algo plantado na súa horta», pero Carme Pazos xa está coa cabeza na próxima plantación dos cultivos de inverno.

Visitas á horta. Carme Pazos gañouse a confianza do cliente coas visitas que organizou á súa horta, para que viran in situ como se fai o cultivo. Foi cando empezou a vender en Vilagarcía.

Cero pragas. A produtora fala de que «se realmente fas agricultura ecolóxica non hai espazo para as pragas».