
A última foi o acondicionamento dun espazo tan tradicional como a Eira dos Hórreos
07 ago 2025 . Actualizado a las 11:26 h.Casas do Porto, no municipio de Rois, pode presumir e moito de aldea, grazas ao traballo colaborativo impulsado polos veciños a través da entidade que os agrupa e da comunidade de montes que, nos últimos anos, está transformando o lugar. O último exemplo é a obra de acondicionamento da coñecida como Eira dos Hórreos.
A actuación, financiada en parte pola Deputación cunha subvención de 23.132 euros, incluíu obras de empedrado dun espazo de case 400 metros que estaba en terra; a construción dun muro de contención, bancos de pedra e a instalación dunha varanda de madeira. Estes traballos permitiron non só mellorar a accesibilidade da zona, senón tamén conservar o seu valor etnográfico e patrimonial, mantendo a estética tradicional que a caracteriza, segundo a Deputación.
A rehabilitación do conxunto de hórreos da eira (en toda a aldea hai 11) xa fora unha das primeiras actuacións realizadas no ano 2007 pola desaparecida Fundación Pro-Patrimonio de Rois, polo que a obra de acondicionamento acometida este ano doulle ao espazo máis amplitude, accesibilidade e mesmo realce aos propios elementos patrimoniais, sen contar que quedou configurado «para acoller eventos, para ter vida e iso é o que queremos: poñelo a disposición do Concello ou de calquera asociación que queira celebrar aquí algunha actividade», sinalan dende a Asociación de Veciños/as das Casas do Porto, que preside Diego Fernández.
A obra tamén conservou unha antiga pedra na que, primeiro, se mallaban os fachucos de liño e despois de trigo; un lavadoiro moi antigo; o cambio de columnas doutro e mellorouse a iluminación de xeito que de noite é un lugar con encanto, segundo din. Tamén mellorou a acústica coa combinación de pedra e madeira, todo elo no espazo no que cada ano se celebra o festival Musica N'aldea, sinalan.
Ademais, a entidade veciñal, que foi a que solicitou a axuda á Deputación, aproveitou para renovar as tubaxes das traídas de auga potable e, no caso dun particular, mesmo procedeu ao soterramento dos cables eléctricos, de modo que non quedase nada á vista na zona patrimonial. Non falta un pequeno xardín, moi coidado, cunha oliveira á que lle gustou tanto o sitio que está chea de froitos. E todo «con custe cero para os veciños», destacan dende a entidade, que agora ten en proxecto crear o museo etnográfico do campo de modo que, nos pés empedrados dos hórreos, quere expoñer apeiros antigos de labranza da aldea.
Espazos comunitarios
Ao mesmo tempo, a Asociación de Veciños/as das Casas do Porto traballa para que tódolos espazos comunitarios «estean en boas condicións, que queden ben», contando co apoio do Concello, precisan. Así, a primeira actuación da entidade, creada despois da pandemia, foi a restauración no ano 2022 dun lavadoiro, ao que seguiu a mellora dun acceso á aldea dende a parte de abaixo das fincas. Ademais, dende a comunidade de montes construíron un muro no entorno dunha carballeira, por riba do lavadoiro.
E todo iso nunha aldea que é lugar de paso da concorrida Ruta das Penicias, un sendeiro habilitado polo Concello de Rois e no que, xunto co lavadoiro para refrescarse, os camiñantes poden atopar tamén o que na aldea lle chaman o «banco dos namorados», para sentarse nel debaixo dun loureiro e con vistas ao val. A entidade veciñal ten pendente de sinalizar a eira, para que os camiñantes poidan desviarse apenas uns metros da ruta e visitar a zona dos hórreos.
Deste xeito, dende a asociación falan de que conseguiron dinamizala aldea dende varios puntos: patrimonial; lúdico (acolle actividades como o festival de música, o paso do raid cabalar de Pascua ou o rally de Noia); social e mesmo formativo, con charlas e visitas da Escola de Enxeñería Forestal. «Iso é o que realmente buscamos, crear espazos con vida, bonitos e tamén funcionais», sinala Diego Fernández, quizais como primeiro paso para fixar poboación no lugar. Nel hai nove casas habitadas, ademais doutras abandonadas e, nalgún caso, á venda.
Por certo, se en Dodro poden presumir do conxunto de hórreos da Lavandeira de Imo, en Rois teñen os das Casas do Porto, que ben merecen unha visita.