A Carballeira de Sorribas, a taberna de Rois con vistas únicas a un viacrucis de pedra

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

SANDRA ALONSO

Atendida por José Luis Franco, é dos poucos bares de aldea que seguen abertos

31 ago 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Poucas tabernas de aldea das de antes quedan abertas, pero ningunha como a de Sorribas, no municipio de Rois que, ao encanto do local interior, suma unha particularidade no exterior: ten unha terraza con vistas únicas ao viacrucis do lugar, un conxunto en pedra de catorce cruces e un cruceiro que é unha das pezas máis significativas do patrimonio do municipio. A Carballeira, nome da taberna de Sorribas, leva aberta dende 1979, atendida polo veciño José Luis Franco Pérez, de 66 anos. Tiña uns vinte anos cando súa nai e súa tía abriron o negocio, despois de estar parada a construción da vivenda a causa do falecemento de seu pai, cando o taberneiro tiña un ano.

Natural de Seira, José Luis Franco explica que «nunca traballei en nada que non fose nisto», en alusión á taberna, xa que, de rapaz, tamén estivo empregado no Pemento, un local de hostalería moi recoñecido de Rois. En máis de corenta e cinco anos de actividade, o taberneiro conta que «cambiou moito o negocio: duns anos para aquí hai moito menos xente, cando antes os domingos non se cabía na taberna. Moitos dos clientes morreron e os máis novos son menos de taberna de aldea», explica. Como a maioría dos bares de aldea, A Carballeira foi o lugar de encontro para xogar ás cartas ata o punto de que, segundo afirma José Luis Franco, «antes había que esperar a que acabaran uns de botala partida para sentarse outros».

Tamén houbo cambios nas bebidas que serve, a excepción da cervexa. «Neste caso non notei diferenza; é o que máis vendo», asegura o taberneiro, que engade que vende menos da metade de cubalibres que antes e de viño quedan poucos clientes.

Como lle pasou a moitos negocios do seu tipo, a parte de ultramarinos «foi a menos de todo», polo que agora nesta taberna despachan catro produtos moi básicos, aínda que segue habendo velas, por se falta o subministro eléctrico, algo habitual nos tempos de antes. O que si cambiou é o horario de modo que, dende este ano, pecha un día á semana (os xoves), sen contar dúas horas para a comida. Pola contra, A Carballeira abre moi cedo, ás sete da mañá, «para que poidan tomar o café os que van a traballar», conta o seu titular.

En canto á terraza con vistas ao viacrucis, José Luis Franco asegura cunha nota de humor que «gústalle máis aos clientes que a min, que teño que andar de dentro para fóra servindo». Tamén explica que antes estaba máis bonita, coa sombra das árbores que tivo que talar para cumprir a normativa de protección de núcleos. «Antes era todo árbores e non facía falta parasol», sinala o taberneiro que, en principio, non ten o relevo asegurado polo que xa lle preguntaron para alugar a taberna porque, explica, «pensan que vou pechar xa, pero aínda non, a ver se aguanto un pouco máis». En canto ao de pechar, os clientes, boa parte deles veciños da contorna e moitos habituais, xa din entre bromas que «non lle deixamos nós».