O cambio no ILG abre o proceso de relevo nas institucións culturais

SANTIAGO CIUDAD

26 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Son tempos de mudanza na cultura galega. Mentres segue vacante a presidencia da Real Academia Galega, a Universidade de Santiago anunciou onte o nomeamento de Ernesto González Seoane como novo director do Instituto da Lingua Galega.

A renovación da dirección no ILG é o primeiro chanzo dun proceso de cambio que xa está actualmente en marcha na Academia, chegará no 2014 ao Consello da Cultura e, en función do que suceda nas eleccións á presidencia da RAG, mesmo podería afectar ao Centro Ramón Piñeiro. Os relevos esténdense así ás catro institucións que, tras as duras denuncias formuladas por Ferrín, están no centro dun intenso debate arredor da súa posible fusión nunha única entidade inspirada no Institut d?Estudis Catalans ou no histórico Seminario de Estudos Galegos. A integración é considerada polo sector afín ao expresidente como «unha ameaza para a independencia da Academia», mentres que os críticos cualifican a tese da absorción de «disparatada teoría da conspiración».

Instituto da Lingua Galega

Ernesto González Seoane sucede a Rosario Álvarez. Ernesto González Seoane vén de relevar a Rosario Álvarez Blanco na dirección do Instituto da Lingua Galega. Rosario Álvarez é tamén vicepresidenta do Consello da Cultura Galega e numeraria da Real Academia Galega, e o seu nome figura estes días nas quinielas dunha posible candidatura á presidencia da RAG liderada por Xesús Alonso Montero.

Real Academia Galega

O complexo relevo de Méndez Ferrín. O pasado 13 de marzo o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín presentou ante o plenario da corporación a súa dimisión irrevogable como presidente e mesmo como numerario da RAG. Polo momento o único académico que anunciou a súa candidatura á presidencia é o catedrático Manuel González. González, que é tesoureiro da Academia desde o 2010 e foi secretario do 2001 ao 2009, irá acompañado na súa lista polos filólogos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira. Na súa proposta de executiva poderían integrarse tamén unha académica e un escritor. A alternativa é a xa mencionada candidatura de Alonso Montero, aínda pendente de que o escritor acepte liderar a proposta do considerado sector crítico coa xestión de Ferrín, grupo que cre que o proxecto do tesoureiro en funcións é «demasiado continuista».

Consello da Cultura Galega

O segundo mandato de Villares remata no 2014. Dentro dun ano, en abril do 2014, rematará o segundo mandato do catedrático de Historia da Universidade de Santiago Ramón Villares á fronte do Consello da Cultura Galega. Despois de oito anos como presidente da institución e, segundo o regulamento aprobado no 2008, Villares xa non pode optar á reelección no cargo, o que dará paso a un novo proceso de relevo.

Centro Ramón Piñeiro

Pendente das eleccións na Academia Galega. Se o catedrático Manuel González fose finalmente elixido presidente da Academia Galega, dáse por feito que deixaría o seu actual cargo de coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades para centrarse na esixente xestión do número 11 da coruñesa rúa Tabernas.