Luis Emilio Batallán, candidato de CxG en Santiago: «Quero traer os Grammy Latinos a Compostela»

o. p. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Defínese como un outsider da política que pode aportar «frescura, aire novo, para que non estean sempre os mesmos»

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Luis Emilio Batallán ( Santiago, 1948), músico autor de éxitos como Aí vén o maio ou Quen puidera namorala e médico, encabeza a lista de Compromiso por Galicia (CxG) á alcaldía de Santiago. El mesmo se define como un outsider da política que pode aportar «frescura, aire novo, para que non estean sempre os mesmos». Na súa crítica caben todos: un goberno local de Santiago no que apunta «unha responsabilidade por acción ou por omisión de BNG e CA, que coas súas abstencións permitiron a Bugallo facer o que quixo»; unha Xunta cunha xestión sanitaria que empeora a cada paso; ou un Goberno central incapaz de mobilizar uns fondos Next Generation que cre vitais para a cidade. E todos eles, cunha lentitude burocrática contra a que carga con dureza.

—Por que este salto á política en Santiago?

—Aquí casei, aquí viven os meus fillos e tamén é a miña cidade. Creo que dou un perfil completamente distinto aos que están, e preséntome porque ver unha cidade universal, orixe de Europa e capital de Galicia como Compostela como está, dóeme moito. E gústame a política local pola súa cercanía. Eu como médico sei que atender persoalmente a todos os veciños, recibilos e analizar os seus problemas é importante. Eu sería alcalde de todos, atendería a todos os composteláns, pero sobre todo aos que máis o necesitan. E tamén me gusta porque na política local inflúe menos a ideoloxía: a min esta política de bloques abúrreme moito.

—Dicía que lle doe a cidade. Como a ve entón?

—Liortas coa veciñanza, problemas co lixo, a mobilidade, autobuses terceiromundistas, iluminación ... que non digo que teña que ser como Dubai, pero isto. E no eido cultural a cidade perdeu todo o pulo, quedouse antiga. Eu teño grandes ideas para facer unha cidade moderna, vibrante e importante no mundo. Quero facer eventos de talla mundial, como os Grammy latinos, e podo conseguilos porque un dos grandes que os manexa, de Ferrol, preside a miña casa de discos en Latinoamérica. A gala MTV, os premios Goya ... Eu penso ao grande, son un artista, que somos xente que tiramos para arriba.

—Ademais de referente cultural, quere que Santiago tamén o sexa loxístico e tecnolóxico.

—No loxístico falo dun aeroporto de Compostela de verdade internacional, e conectado debidamente coa cidade. Non pode ser que a xente para chegar aquí teña que vir por Oporto. Ser un centro loxístico importante é ter a Lavacolla competindo con Oporto. E no tecnolóxico, temos a Universidade, I+D+i, compañías importantes en biotecnoloxía, farmacia, centro de desenrolo de novas terapias xenéticas ... Aí podemos ser punteiros. E hai que unir a Universidade coa empresa. Santiago ten moitas firmas terciarias, pero falta tecido empresarial. É fundamental facer o párquing do Clínico, e mellorar as ridículas axudas sociais deste Concello.

—Por que se presenta por CxG?

—É un partido pequeno pero que encaixa coa miña traxectoria galeguista, europeísta, aberta ao mundo e centrada.

—E cal é o seu obxectivo?

—Ser alcalde. Eu vin aquí a gañar. Se non gaño, perfecto, o pobo é quen máis ordena. Pero para o domingo hai dúas opcións: ou tripartito novo, con menos votos para Bugallo, ou eu. Dígoo sinceramente: eu quero a alcaldía de Santiago, e creo que teño o perfil para ser o alcalde. Para un artista coma min sería unha honra.