Referentes do uso do galego e unha cartografía sensorial, novas apostas dos concellos de Alingua

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

cedida

Teo, Ames e Santiago presentan o programa «É túa. Pásaa!»

08 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Traballar para espallar o uso do galego é a finalidade de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. E niso están os servizos de Normalización Lingüística de dezanove concellos, entre os que se atopan Santiago, Ames, Teo, Rois e A Baña, que presentaron o programa «É túa. Pásaa!». Esta iniciativa está dirixida á mocidade, para que use o galego na súa vida cotiá e nas interaccións en redes sociais, e con elo contribuír la divulgación do idioma propio.

Teo asume a presidencia rotatoria da asociación e por iso a nova campaña deuse a coñecer no seu consistorio cunha comparecencia na que a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo; a concelleira teense de Lingua, María Vázquez; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o rexedor amesá, Blas García; presentaron as propostas da campaña.

Una delas é un «Catálogo de referentes», un compendio de persoas que viven e divulgan o galego en todos os eidos profesionais. Neste censo participan, entre outros, Xosé A. Touriñán, Luís Dávila, Ledicia Costas, Tanxungueiras, Mondra, Grande Amore, Fillas de Cassandra, Lucía Freitas, Javi Olleros, Xacobe de Toro e Sechu López.

Este catálogo está moi vinculado a unha guía didáctica para traballar no ensino con alumnado de entre 12 e 16 anos con materias de contido transversal e propostas a desenvolver de xeito individual ou colectivo.

Unha «Cartografía sensorial», entendida como un espazo virtural de paisaxes sonoras e visuais dos concellos de Alingua completa as accións de «É túa. Pásaa!», campaña que se pode consultar na web da entidade, alingua.gal, que aspira a sumar máis membros.