O interminable aplauso a Farruco en Santiago: «Emocionouse moito ao ver a tanta xente, con colas fóra e coas invitacións rematadas en 20 minutos»

VIVIR SANTIAGO
Grandes profesionais do humor como David Amor, Roberto Vilar ou Quico Cadaval fixeron onte «un acto de amor ao precursor da retranca galega». «El tomou o micrófono para dar as grazas, pero como a ovación era tan prolongada tivo que mandarnos calar», bromea Pepo Suevos, o impulsor da homenaxe no Salón Teatro
05 feb 2025 . Actualizado a las 12:43 h.«Onte os profesionais do humor fixemos un acto de amor a Farruco, o precursor da retranca galega e dos contadores dos contos galegos», resume con satisfacción polo vivido Pepo Suevos. «El foi quen profesionalizou a nosa profesión; foi o pai para moitos nós; ensinou a facer rir en moitas vilas galegas», engade o humorista e impulsor do evento Farruco: dálle as grazas a José Luis. Gala de humor e recoñecemento. Un acto que rebordou o Salón Teatro. «Quedou moita xente fóra. O teatro quedouse pequeno… As colas, moi longas, chegaban ata a praza do Toural. As invitacións rematáronse en 20 minutos. El meréceo», sinala Pepo Suevos, aclarando que, aínda que non puideron estar todos, moitos dos contadores, humoristas e monologuistas galegos non quixeron perder a ocasión de render tributo a José Luis Bernal, a Farruco.
«Dende Xosé A. Touriñán a David Amor, Roberto Vilar, Quico Cadaval, Luis Iglesia, Isi… Moitos pasaron polo escenario para repasar anécdotas de Farruco ou versionar algunhas das súas historias. O evento xa o programamos un martes, un día que non acostuma a haber comedia, para que puideran vir a meirande parte. Farruco onte non actuou. Só tomou o micrófono para dar as grazas, pero como a ovación era tan prolongada tivo que mandarnos calar», bromea con cariño Pepo Suevos, admitindo a emoción do gran humorista galego. «Aínda hoxe envioume un wasap no que dicía que pensaba que non merecía tal recoñecemento. Confirmou que foi todo moi entrañable, que lle tocou o corazón. Creo que se deu conta da pegada que deixou en moitos de nós. El foi quen nos abriu as portas», subliña Pepo Suevos, contento de facer a homenaxe en vida de Farruco.
«Aproveitamos que está como un peperete para poder gozar con el, para que el o puidese tamén saborear. De broma Farruco xa dixo que moitas homenaxes celébranse tralo funeral e que el, neste caso, tomaba o acto como o bautismo dunha nova etapa. É único», admira Pepo Suevos.
«Coido que se sentiu moi querido e arropado. O feito de que moitos humoristas fixesen por vir fala moito da importancia do personaxe, do respecto e cariño que lle temos», conclúe con admiración.