É correcto nomear a Castelao como «Daniel Castelao»? Dun «acerto» a «unha combinación pouco corrente»

La Voz SANTIAGO

VIVIR SANTIAGO

CEDIDA

A denominación «Daniel Castelao» do novo edificio de viaxeiros da estación de tren de Santiago, que abrirá o vindeiro mércores, xera comentarios ao dubidar os lectores se debería nomearse só Castelao ou co nome completo do político galeguista. O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, non dubida: «Daniel e Castelao, que era o apelido da súa nai, eran os dous nomes que el máis quería»

21 jun 2025 . Actualizado a las 21:46 h.

Días antes de que entre en servizo o edificio de viaxeiros da estación de tren de Santiago —abrirase o vindeiro mércores— a estación intermodal da capital galega xa loce o nome de Daniel Castelao, recollendo o acordo unánime ao que se chegara no pleno municipal de Compostela do ano 2019.

A nova denominación, moi ben acollida na cidade, está sen embargo a espertar comentarios pola confusión que pode comportar aludir ao gran artista, pensador, escritor e político galeguista como Daniel Castelao. «Castelao, ¿quién es? un primo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Mejor solo Castelao, ¿no?», apuntaba un lector na información de La Voz. Varios expertos e a propia alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pronúncianse sobre o tema.

A rexedora compostelá teno claro. «Elixiuse Daniel Castelao porque é o nome con que é maioritariamente coñecido», defende Sanmartín. 

Unha opinión coa que concorda Miguel Anxo Seixas Seoane, o presidente da Fundación Castelao, aportando unha fonda explicación sobre o nome completo do intelectual galeguista: Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

«Daniel é como se lle nomeaba na familia, no entorno máis achegado; tamén no ámbito galeguista. Para as irmás era Daniel ou Danieliño. Para a nai era Daniel. No momento de ela morrer, no ano 1945, o que repetía era o nome de ''Daniel, Daniel''», expón Miguel Anxo Seixas Seoane. «En realidade Castelao, quen naceu o 29 de xaneiro de 1886, ía chamarse Daniel Manuel. O de Alfonso foi unha imposición do crego, que era monárquico. Alfonso XIII naceu o 17 de maio dese mesmo ano», apunta o presidente da Fundación Castelao, aclarando que aínda que cando o escritor tiña que anotar o seu nome nunha instancia administrativa incluía os seus tres nomes (Alfonso Daniel Manuel), «o nome simbólico para el sempre foi Daniel».

Co tema do apelido Rodríguez, co que moitos galegos lembran ou nomean a Castelao —tamén coa abreviación R.—, o presidente da súa fundación entende que no ámbito familiar optábase por empregar Castelao ao ser, de entre os dous apelidos —de entre Rodríguez e Castelao— o que era «máis singular e sonoro». «É ademais o apelido da nai, que moitas veces se agochaba», valora Miguel Anxo Seixas Seoane.

«É un acerto a denominación da estación de Santiago. Daniel e Castelao eran os dous nomes que o político máis quería», refrenda.

«Non debería, de todas formas, haber confusión. En Galicia, como persoa relevante, non hai máis Castelao que el», insiste, compartindo o seu anhelo de que, iso si, no futuro, se engada nun corredor ou no interior da estación intermodal compostelá unha escolma explicando a trascendencia do político galeguista ou mesmo unha mostra cos debuxos que el fixo sobre o ferrocarril.

Outra opinión moi respectada que se pronuncia sobre a denominación da estación compostelá é a do catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega e director da nova Cátedra Castelao. O sociolingüista, que leva media vida analizando e estudando o artista, pensador e político galeguista, entende que ao aparecer «Castelao» na denominación, pouca xente dubidará de quen se trata. «Todo o mundo sabe quen é Castelao», asegura. Defende, aínda así, que, entre as denominacións coa que se nomea ao político, a de «Daniel Castelao, é unha combinación pouco corrente».

«Normalmente empregábase o nome completo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou Alfonso Daniel R. Castelao. O máis común é tamén só Castelao», sinala.