
Asegura este viveirense que leva 46 años lendo a diario La Voz
27 dic 2013 . Actualizado a las 17:44 h.A súa fidelidade como lector ao longo de máis de 46 anos converteu a Emilio Antonio Insua Basanta no afortunado gañador do quinto soldo de 1.500 euros ao mes durante un ano que entrega La Voz de Galicia. Este xubilado das artes gráficas de Viveiro, de 75 anos, non dubida en confesarse lector dende sempre de La Voz e vai máis alá: «Fago todas as coleccións e teño encadernados os suplementos culturais desde hai anos, e agora tamén os Extra Voz». Incluso, coa axuda da súa filla Uxi, elabora cartafoles con recortes das noticias que máis lle interesan «que releo vinte veces», polo que se recoñece «un auténtico coleccionista» do propio periódico galego, á vez que se asoma á actualidade do mundo sen descoidar a máis próxima. Emilio, acompañado da súa esposa Marisa López, recolleu onte na delegación de La Voz en Viveiro, o cheque que o acredita como gañador. «Vénnos moi ben para completar a xubilación, que é pequena», afirmou. E non descarta que a sorte de La Voz volva a chamar á súa porta co sorteo do superaguinaldo o vindeiro día 9 de xaneiro.
-¿Contento coa sorte que La Voz de Galicia lle trouxo á súa casa de Viveiro?
-Moi contento. Días antes incluso estivemos a chancear cuns amigos ao ver que tiña pleno no cartón, se ben aínda tiña que ir ao sorteo. O día que chamaron de La Voz para dicirme que era o gañador collín eu o teléfono; tras asegurarme que non era unha broma, a miña muller pensou que me estaban facendo unha enquisa, pero como tardaba en colgar dicíame «¿non será de La Voz?», e foi unha alegría. Despois recibín unha chea de chamadas para felicitarme, e tamén pola rúa me paran para darme os parabéns. Sempre seguín todas as campañas de La Voz de Galicia, os reloxos, os pareos, as bufandas... ata o coche. Pero é a primeira vez que me toca, e ¡quen sabe!, se cadra sorte chama a sorte e tamén cae o superaguinaldo na casa. ¡Estaría moi ben!
-¿Pensou que vai facer con 1.500 euros ao mes durante o ano que vén?
-Sempre pides primeiro saúde para todos. Para nós gañar o soldo de La Voz é a parte positiva dun ano que foi duro e con moitos sustos relacionados coa saúde, porque un dos meus fillos estivo enfermo e despois a min deume no verán un infarto cerebral que me afectou algo á vista. A verdade é que nestes tempos na que a vida é difícil vénnos moi ben aos dous ademáis para completar a paga que temos da xubilación, que é pequena.
-¿Pensa permitirse algún capricho con estes cartos? ¿Algún viaxe? Porque é un soldo asegurado todo o ano
-As prescripcións do médico mandan no que se refire a celebracións, pero servirá para facer fronte a algún gasto extra, algunha compra... Teño a sorte nestes tempos de que os meus tres fillos, Emilio, Antón e Uxi, teñen traballo, polo que o soldo o gozaremos con eles e cos meus netos Aloia, Noa, Iria e Santiago.
Emilio Antonio Insua García, ganador del quinto sueldo de La Voz