Ex-adicto ao xogo en liña: «Deixei a heroína e engancheime ás apostas»

Lucía Rey
lucía rey BURELA / LA VOZ

SOCIEDAD

PEPA LOSADA

Daniel, burelense, logrou refacer a súa vida tras chegar a durmir na rúa e pedir préstamos para seguir xogando: «Todo case se darme conta»  

28 sep 2018 . Actualizado a las 09:49 h.

«Contando a miña experiencia o único que quero é que unha persoa, antes de darlle cartos e entregarlle a vida ás casas de apostas ou á ruleta, o pense dúas veces. Porque o xogo non mata, como pasaba nos oitenta e nos noventa cando viamos a xente tirada na rúa pola heroína, pero esnaquiza vidas». Quen así fala é Daniel (nome ficticio), un burelense duns 40 anos que estivo a piques de perdelo todo polo xogo en liña, unha das novas adiccións que incluirá o futuro Plan Nacional sobre Drogas.

-Cando se converteron as apostas en adicción?

-Eu apostaba on-line á ruleta, ao black jack, ao póker, aos galgos, aos cabalos... Son deportista, cría que controlaba bastante e pensaba que podía gañar. Búscalo primeiro como un refuxio, pensando que vas gañar cartos, que non é tan malo... Pero acaba con todo porque nunca lles vas poder gañar. As casas de apostas non son oenegués, son mercados moi líquidos. En canto gañas un par de veces, limítante. Perdín moitos cartos. Cando es adicto, eses 25.000 ou 30.000 euros que podes gañar ao ano se os tes xuntos pérdelos.

-Cando tocou fondo?

-Antes de ir ao cárcere. Faltábanme dúas semanas para acabar Proxecto Home. Collín a porta e funme co posto. Desengancheime das drogas, da heroína, e case sen darme conta engancheime ao xogo. Tiña un neno de meses e non me importou, porque cando estás no pozo non valoras nada. O único importante é ter cartos para consumir ou xogar ao día seguinte. Cheguei a durmir na rúa, a pedir na rúa, a pedir préstamos..., fixen as de Deus.

-Como conseguiu saír?

-Grazas ao apoio da miña familia, da Unidade de Drogodependencias de Burela e de Proxecto Home. A adicción ao xogo permanece activa. É coma a das drogas. Son ex-toxicómano porque non as consumo, e son ex-adicto porque non xogo, pero vouno ser toda a vida. Unha adicción non se cura e sempre hai que tomar moitísimas precaucións. Nesta, o primeiro é apagar o móbil. Ás veces non vexo competicións deportivas na tele porque en cada partido metrállante as casas de apostas, non vou a bares con máquinas de apostas nin comecartos. É un proceso parecido ao da droga. Cando xa estás máis forte podes ir a un bar e poñerte de costas á comecartos, pero escoitas ese ruído, nunca podes levar demasiados cartos... É un traballo constante no que non podes baixar a garda.

«Perdes, e queres recuperar; gañas, e queres gañar máis; os humanos somos así, e os adictos máis»

Daniel sostén que «moita xente pensa que os adictos a unha substancia sons uns viciosos, e non é así». «Non se trata diso, porque calquera persoa pode caer», di.

-Antes de engancharse ao xogo foi adicto ás drogas...

-A maioría empezamos coa parvada dos porros que te fan rir, que te desinhiben... Son temas de inseguridades que van máis alá de compañías. As problemáticas son internas, conflitos interiores que debes analizar con máis profundidade para buscarlles unha solución. Na EXB déralle algunha calada a algún porriño, pero no instituto, con 16 ou 17 anos, empecei a consumir máis a diario. Aínda que o puiden acabar, impediume avanzar tanto a nivel persoal como laboral. E aínda que fun funcionario [agora está xubilado] porque tiven sorte e me esforcei, é bastante complicado levar a cabo unha vida cunha adicción.

-Como estoupou a situación?

-Ao final, cando o saco se carga moito de pedras, é moi difícil a vida diaria, persoal, familiar, de parella... Eu caín en prisión e tiven que abrir os ollos, porque cando entras en prisión e tes unha condena, o máis lóxico é que sigas reincidindo porque alí non se saca nada claro, todo o contrario. E co xogo perdes, e queres recuperar; gañas, e queres gañar máis; os humanos somos así, e os adictos máis. Menos mal que miña nai me botou unha man e me deu un teito.