
Monti Castiñeiras asegura que o seu personaxe en «Serramoura» vai «dar moitas sorpresas»
18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Serramoura segue coa emisión dos capítulos da nova temporada, pero o equipo da serie xa está inmerso na gravación de novas entregas. Aproveitando un día de descanso, Monti Castiñeiras, o actor que interpreta a Santos, fala dun dos personaxes máis recoñecibles da ficción.
-Santos pagará algún día polos seus actos?
-Non creo, á Garda Civil vaille custar moito trincar a Santos. El ten as súas armas para saír airoso de situacións difíciles. Moitas veces ten algunha arma secreta que utiliza de vez en cando, porque ten moita información e moitos contactos, para darlle a volta ás cousas e incluso facerse cómplice da Garda Civil con algún tema que ten por aí agochado. Non podemos esquecer que tamén lle ten axudado á Garda Civil a resolver algún crime [ri]. Non é un confidente, pero ás veces utiliza información para axudar ao cuartel e poñerse do seu lado.
-Que veremos de Santos nos vindeiros episodios?
-Santos vai dar moitas sorpresas. Vai meterse nalgunha lea, tamén vai ter que botarlle unha man á Garda Civil e vai seguir tan malo e divertido coma sempre.
-Para os espectadores da serie, unha «Serramoura» sen Santos é inimaxinable. Por que cre que Santos conectou tan ben cos seguidores?
-É unha situación curiosa, porque, se dividimos o mundo entre bos e malos, digamos que Santos estaría no lado malo do mundo, pero é un malo daquela maneira, que cae ben e conecta coa xente pola súa forma de facer as cousas, pola súa forma de falar. É un pouco máis achegado ao chan e ese é un punto que ten ao seu favor, porque parece que te poderías atopar cun Santos camiñando pola rúa. Tamén é moi importante o seu sentido do humor. É un tipo moi enxeñoso que sempre busca a reviravolta humorística.
-Cal é o seu drama vital?
-Nese sentido, é moi superficial no que se refire ás súas necesidades vitais. Santos con ter cartos, algo de beber e mulleres ao seu redor xa é feliz. El tivo o seu drama, que foi cando se namorou profundamente, e iso marcou un antes e un despois na súa vida. Pero non descartamos que iso lle poida volver a pasar. Santos ten o seu corazón, coma todo o mundo.
-Que é o máis difícil de interpretar a Santos?
-O máis difícil? Pois que Santos non ten nada que ver comigo e non podo atopar dentro de min referentes propios que poidan axudarme a construír este personaxe, polo que teño que coller do mundo real eses referentes que eu non teño propios. Pero, ao mesmo tempo, é un personaxe que está tan ben escrito, no que os guionistas fan un traballo tan bo, que iso facilita moito. Pero a estas alturas esa dificultade xa case non a hai e Santos case sae só [ri].