Santiago Martínez, ferreiro forxador: «Os ferros falan»

SOCIEDAD

Sandra Alonso

A fragua chamaba por «Chago» xa de camiño á escola. Hoxe restaura a forxa da catedral utilizando as técnicas tradicionais e ve como «Forjado a fuego» está servindo para temperar vocacións

26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se esta cidade está feita é por un ferreiro». Compostela amence acochada na brétema mentres na incre de Santiago Martínez, Chago, o ferro vaise dobrando e tomando a forma dunha folla arrolada polo vento. Hai moito de ourive e outro tanto de alquimista nas mans deste ferreiro con xeito de artista e discurso de sabio. «Se non houbera ferreiro non habería ferramenta para labrar toda esta pedra», a que construíu unha catedral que hoxe el aloumiña. O seu obradoiro, que naceu malia a crise, encárgase da restauración da forxa dunha basílica «única no mundo».

Bate na zafra mentres se van temperando as lembranzas dun ferreiro de vocación tan grande que a forxa xa chamaba por el dende o taller daqueloutro, de apelido Ferreiro, polo que pasaba todos os días de camiño a escola. De vocación tan grande que aplica técnicas tradicionais, como o enchumbado ou os pavonados en aceite á rehabilitación da forxa. «Os mestres morreron no século XVII, eu son unha persoa que se está aproveitando das técnicas deles e dos seus coñecementos», os mesmos que hoxe utiliza para a rehabilitación do templo. Ou polo menos o máis aproximado posible.

«Simplemente cun cincel, un martelo, un anaco de ferro, unha zafra e unha forxa levantaron catedrais». O lume medra na fragua de Chago. «Forxa en Compostela houbo moita e boa. A cidade requiríao». Requiríao non só polos grandes monumentos. «Santiago era un núcleo no que se facían grandes mercados. Viña xente de todos os lados e aproveitaban para mercar machados, sachos e de todo». Hoxe non son tantos os que saben utilizar técnicas tradicionais para a restauración do patrimonio. O seu obradoiro, que xa ten traballado na Berenguela e no Pórtico da Gloria, prepárase agora para un desafío de nove meses: restaurar a forxa da escalinata do Obradoiro. «Os ferros falan», di logo de apagar o martinete. ¿E os da escalinata? «Están falando, se cadra de máis. Hai pezas que non están acorde ao seu sitio orixinal. E ten técnicas moi curiosas», di cun sorriso.

O programa «Forjado a fuego» está espertando vocacións de ferreiro

Si, probablemente haxa na mesma peza anacos de ferro de diferentes épocas. «Non che estrañe que haxa ferros dende o século XIV ata o XVIII», porque «a catedral foi medrando durante 800 anos» e por iso se foron reaproveitando materiais. Un exemplo: cando o taller de Santiago Martínez restaurou a fachada do Concello, nun entrepeito que nunca fora tocado apareceron tres selos. Un era do século XV, outro do XVI e outro do XVIII. «O edificio é do século XVIII. Que fan ferros do século XV aí?». O ferro, como era moi custoso, gardábase «e cando había outra obra a catedral achegaba ferro».

Quen o diría. A revitalización do oficio vén da globalización. Forjado a fuego está atraendo á xente ás fraguas. «Moitos deles veñen de cero» e o primeiro que hai que aprender son as técnicas. «Para facer coitelos ou espadas tes que saber con que temperaturas tes que traballar, como se bate cun martelo para dar as formas. Primeiro hai que aprender». Pero fai vocación? «Si. Está servindo».