Un artista sarriao elabora unha obra sobre o confinamento: «Nunca antes traballara coa alma»
SOCIEDAD

O escultor autidacta José Antonio Quiroga remata unha peza coa que quere reflectir a tristura vivida durante o estado de alarma
18 abr 2020 . Actualizado a las 17:20 h.Cando o Goberno declarou o estado de alarma e o confinamento era só cousa de quince días, algo buliu dentro de José Antonio Quiroga, un escultor autodidacta sarriao que aos 50 anos descubriu na madeira unha vía de comunicación máis precisa mesmo que a palabra. Coa sorpresa daquel primeiro momento a mediados de marzo, empezou a traballar nunha obra que naceu co nome dese mes. «Nunca antes traballara coa alma como nesta ocasión», confesa.
Fai uns meses que albiscou unha peza de madeira na presa do Chanto, alí onde o río Sarria se comporta, como di el, no seu «gran proveedor de materia prima». Puidera ser dun chopo. Viuno fermoso e levouno para casa. «Vou xuntando madeiras aínda que moitas das veces non teña moi claro o que facer con elas. Teño pezas atopadas que son unhas xoias por si mesmas, pero non lles chegou o día, ou non me chegou a min, quen sabe», rectifica sobre a marcha.
Incerteza
Unha desas madeiras que agardaba nun montón foi elixida a semana do 16 de marzo para escribir sobre ela o momento de incerteza que comezaba e que por aquel entonces tiña unha data de caducidade de tan só dúas semanas.
«Foi algo tan sinxelo poñerme a traballar sen ter moi claro o que facer...», recorda José Antonio. Conta que necesitaba falar, expresarse e que aquela peza se lle apareceu como un «folio en branco». «Foi como unha conversa co psicólogo», apunta divertido cando trata de describir aquela ansia por contar o que sentía sen palabras.
Foi «unha explosión de sentimentos», segundo lembra, na que primaba a «angustia e a sorpresa». Así naceu a peza que leva por nome Marzo de 2020, modelada primeiro polo río Sarria e despois por el no seu obradoiro. José Antonio ve nela a «tristura dunha personaxe» e «a sorpresa do que ocorre». Na madeira, el aprecia unha cabeza ladeada, sen ollos, pero coa mirada cara dentro. «Ten un longo pescozo todo engurrado, como unha persoa pola que xa pasaron moitos anos por ela, e leva tamén unha cadea de ferro apertándolle a gorxa», explica Quiroga, que pensa en liberar á peza desa cadea ou deixarlla para que sexa unha mellor testemuña do que pasou.
Esa vocación de contar o que está a acontecer, o que moitos están a sentir e a compartir é o que moveu a este artista autodidacta a traballar nesta obra. Desexa que perdure no tempo e axude nun futuro a reflexionar sobre este tempo. «Que sirva de recordo para os que vivimos o momento e saiban os vindeiros o que ocorreu», precisa.
90 pezas
Na sala de arte que José Antonio posúe en Sarria, esta obra poderá compartir espazo con as máis de 90 que leva feitas. Aínda que se unirá de maneira natural ás xa expostas, Quiroga pensa que non será igual: «Sei que artisticamente pode ser que non teña moito traballo e teño outros máis sofisticados, pero ningún foi feito ca alma coma este».
Polo de agora, Marzo de 2020 ficará na casa confinada canda o seu autor. O día de mañá, a José Antonio gústalle pensar que se moverá para ser amosada noutro lugar dende o que contar o que ocorreu aquel mes estraño.
El agarda poder saír cedo a camiñar por soutos e ríos, na procura da materia prima que estes lle proporcionan para poder contar a través da madeira a súa próxima historia, unha sen angustia, sen tristura e sen cadeas.