Déborah Vukusic, actriz de «Método criminal»: «A Natalia móvea a razón e a defensa da liberdade»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A actriz incorporase este domingo a serie que emite TVG

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo a partir das 23.45 horas Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método Criminal, a serie que produce Voz Audiovisual, no que a actriz Déborah Vukusic incorpórase como Natalia, unha psicóloga que trabalallará na Produtora. 

—Como definirías á túa personaxe?

—Natalia é unha psicóloga que traballa de cando en vez para A Produtora e neste momento ten que tratar a Luis Iglesia porque está sufrindo ataques de ansiedade. Natalia é unha profesional do seu traballo, seria e sabe ler moi ben ás persoas.

—Todo isto é o que acontece ao principio, pero que pode adiantar da traxectoria da súa personaxe?

—Natalia ten un pasado moi curioso que nun principio consegue agochar. A ela gústanlle as artes marciais e ten un cinto negro segundo dan -denominación dos niveis en artes marciais-. Ademais das terapias clásicas, Natalia tamén fai terapia de parella e nunha destas sesións aparece un dos membros do clan dos Canosa para facer terapia con Luis. Nestas terapias conxuntas, Natalia empeza a ter o que os psicólogos denominan contratransferencia que ven sendo, máis ou menos, a resposta emocional do analista aos estímulos que proveñen do paciente, polo que a miña personaxe namorarase perdidamente deste membro do clan dos Canosa (ri).

—Entón Natalia comeza o seu periplo na serie relacionada co mundo da produtora, pero despois terá relación co mundo máis «criminal»...

—Efectivamente. Non é que ela acabe meténdose nese mundo escuro senón que ten que lidar coas cousas que pasan ao redor dese mundo.

—As personaxes de «Método Criminal» móvense nuns códigos moi particulares. Como foi o proceso de creación de Natalia?

—No contexto no que estamos agora, as restricións tamén se aplican á forma de facer as probas para as personaxes e hai moitas limitacións para facer os casting de forma tradicional. Agora o que se fai nunha primeira fase é enviar un vídeo. A min enviáronme a separata para Natalia e eu enviei dúas propostas. Unha delas era desde un punto de vista máis cómico e a outra proposta era máis naturalista. O que me trasladaron desde a dirección da serie era que non podiamos tirar tanto pola farsasenón que tiña que ser un humor sutil. Para min Método Criminal é unha comedia de situación na que os personaxes atópanse en determinadas circunstancias que os fan medrar e respostar a esas eivas que lles acontecen (ri). Despois das probas, eu a Natalia prepareina estudando o guión e analizando os obxectivos e as razóns das personaxes. Á miña personaxe móvea a razón e a defensa da liberdade. Natalia fai o que lle dicta o corazón mesmo se vai en contra dos preceptos da psicoloxía habitual.

—Cal foi o maior reto ao que se enfrontou na gravación da serie?

—Tiven que enfrontarme a varios retos. As horas de gravación dunha xornada no audiovisual adoitan ser de nove ou dez horas, e houbo un par de días nos que tiven todas as secuencias do día ás que se sumaban os tecnicismos propios da profesión de Natalia. A verdade é que foi todo un reto como actriz e superalo senta moi ben. Tamén teño que engadir que entrei pola porta grande porque o primeiro día de rodaxe xa tiven unha pelexa e tiven que traballar co coordinador de acción a coreografía da loita. Foi moi divertido. A verdade é que os compañeiros que tiven en Método Criminal puxéronmo moi sinxelo.

—Que lle supuxo participar en «Método Criminal»?

—A verdade é que foi un agasallo porque levaba catro anos sen traballar no audiovisual. Ademais ter un personaxe con continuidade sempre é algo que un actor agradece porque podes explorar e atopar o ton axeitado. Ademais foi un pracer coincidir cos compañeiros que están en Método Criminal, porque nalgúns casos xa traballara antes con eles, e noutros foi a primeira vez, e iso tamén é unha aprendizaxe moi gratificante. 

—Que lle agarda a Natalia nos vindeiros episodios da serie?

—Non podo adiantar moito máis (ri). Para min o episodio quince é o meu favorito porque é onde se explica o universo interior de Natalia e é moi divertido.

—Que nos pode contar doutros proxectos?

—Agora en maio vou rodar Malencolía, a nova longametraxe do director Alfonso Zarauza, e en decembro participarei noutro filme en Madrid que leva por título The Cardenio Project dirixido por Jesús Esguía e que está baseada nun capítulo do Quixote e trátase dunha adaptación contemporánea. A verdade é que neste momento non me podo queixar e isto non pode facer máis que mellorar (ri).