Xúlio Abonjo: «Roi conseguiu deixar atrás o triste pasado que arrastraba»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG estrea este domingo, ás 23 horas, un novo episodio de «A lei de Santos»

03 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, ás 23.00 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio da segunda temporada de A lei de Santos. O actor Xúlio Abonjo interpreta á personaxe de Roi Quiroga, o afamado investigador da Garda Civil que foi compañeiro de Marga Neira en Serramoura.

-Esta noite chega a súa personaxe a Viladesantos. Que supuxo para vostede recuperar a esta personaxe que os espectadores coñeceron en «Serramoura»?

-Pois tiven moita ilusión, pero tamén moita nostalxia. Roi Quiroga apareceu en Serramoura digamos que na etapa final, polo que a personaxe e eu mesmo tivemos que acoplarnos a unha familia e a unha serie que estaba xa moi rodada. A acollida nese momento foi moi boa tanto dos compañeiros actores como de todo o equipo da serie, entón poder volver a unha serie de Voz Audiovisual e coa personaxe de Roi Quiroga é un motivo de alegría. A min esta personaxe paréceme moi bonita e creo que agora en A lei de Santos terá outras aventuras que permitirán ver a un Roi diferente.

-Como é o Roi Quiroga que se poderá ver agora en «A lei de Santos»?

-Eu diría que basicamente non, pero no básico un pouco si. Como seguro que lembran os seguidores de Serramoura, agora está feliz e, na medida do posible e acorde á súa personalidade, está vivindo un momento feliz e creo que nese momento é cando o chaman para resolver un caso en Viladesantos. Entón creo que o collen nun momento moi bo e, sendo o que é Roi Quiroga, creo que conseguiu deixar atrás o triste pasado que arrastraba. E todo que comezou en Serramoura e acabou en Viladesantos para que a súa vida vaia por un camiño máis doado e máis feliz. Aquí atopou a xente que o axudou moito.

-Cal é a misión de Roi?

-A misión de Roi e ben complicada porque ten como obxectivo investigar o roubo ao Pazo de Meirás [que na realidade é o Pazo de Mariñán]. É unha investigación que na ficción toca a altas esferas, polo que encargan o caso a alguén que conta con certo prestixio e experiencia. É nese momento no que entra en xogo a miña personaxe.

-No cuartel comparte espazo con Federico Pérez e con Lidia Veiga. Como foi para vostede traballar con eles?

-Fede e máis eu coñecémonos desde hai moitos anos, e o que me daba máis pena de estar con el nas secuencias era non poder compartir a comedia que ten a personaxe de Lourenzo, porque Roi non ten moita comedia [ri]. Entón entendo que a chegada de Roi é para darlle certa seriedade a unha investigación que hai que resolver. E coñecer a Lidia foi unha experiencia espectacular. Lidia é unha actriz e unha compañeira estupenda. Moitas veces cando entras nunha serie nova, por moita experiencia que teñas, tes que atopar o teu sitio e Lidia axudoume un montón. A verdade é que estivo moi ben traballar con eles dous.

-Como non podía ser doutra forma, Santos está no centro da investigación de Roi. Como é a relación que teñen na serie?

-Eu diría que son eternos amigos e eternos inimigos [ri]. Aínda que están en lados completamente opostos hai moito cariño por parte dos dous e saben cal é o seu papel e a súas debilidades. Son coma un matrimonio no que un é o policía e o outro o ladrón e teñen que atopar certa compensación [ri].

-Que vai pasar na serie a partir desta noite?

-Eu creo que ninguén pode perder a serie porque veñen cousas dignas de ver. Como xa dixen antes, Roi chega para investigar un roubo moi particular, pero tamén haberá outras cousas, algunhas moi bonitas, outras con moita comedia e outras de moita intriga.