Trisha Fernández gaña o bote de «Atrápame se podes» para os Bancos de Alimentos

Iván G. Calaza REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A entidade benéfica salienta que esta doazón supón a supervivencia para poder manterse

30 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Atrápame se podes edición Nadal xa repartiu o primeiro gran bote solidario dos seus especiais. A copresentadora do Luar, Trisha Fernández, foi quen de chegar ao máis alto das escaleiras e, posteriormente, superar a proba do Minuto final. Despois de cinco días de concurso, o bote acumulado era de 5.000 euros, que o programa doará a Federación Galega de Bancos de Alimentos

«2005», espontánea, pisando a pregunta formulada por segunda vez por Paco Lodeiro e a falta de catro segundos para rematar o tempo; así foi a resposta coa que Trisha Fernández chegou ao bote solidario do Atrápame se podes. A cifra facía referencia ao ano no que o tenista Rafael Nadal conseguira gañar o seu primeiro Roland Garros. 

A actriz e presentadora chegaba por terceira vez na semana á Fase das escaleiras. Competindo con Adrián Díaz, conseguiu subir ao quinto chanzo ao acertar o século no que se inventou a fotografía (XIX). «Imos vendo sobre a marcha», declarou Trisha ao inicio do Minuto final cando toda a presión estaba sobre ela.

Conseguiu acertar as dúas primeiras preguntas, comprobando os espectadores a súa falsa modestia. «Dádeme algo máis de tempo que aínda hai pouco que volvín a Galicia», repetiu nalgunhas ocasións. Non obstante, soubo responder con claridade o nome da médica viguesa que foi tres veces campioa mundial de triatlón adaptado e ouro olímpico en Toquio (Susana Rodríguez Gacio), xunto co autor da peza teatral A fiestra valdeira (Rafael Dieste).

Na primeira volta soubo tamén que en Carnota está a praia máis longa de Galicia. Na segunda oportunidade deu co fidalgo medieval que liderou a Irmandade Fusquenlla na primeira revolta irmandiña (Roi Xordo) e coa cifra (2005) que a Trisha non se lle esquecerá. A éxtase apropiouse do plató cando Paco Lodeiro pronunciou as súas prodixiosas palabras: “É correcto”.

Deste xeito, Trisha puxo fin a unha semana de concurso cargada de moito humor, divertimento e moitos cartos solidarios. O programa entregou 9.000 euros a distintas asociacións benéficas. Víronse beneficiadas Down Galicia, que apoia ás persoas con síndrome de Down; a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec); a Asociación Mirabal, de axuda a vítimas de violencia machista e axuda ao menor; a Fundación Meniños, de protección á infancia e á adolescencia, e a Federación Galega de Bancos de Alimentos.

Os cinco días de participación permitiron coñecer moito mellor a algunhas das caras máis recoñecidas da TVG. Trisha Fernández puxo de manifesto os seus anos de infancia en Filgueira (Crecente); Teté Delgado deu a exclusiva de que estaba sacando o carné de conducir; quedou claro que Esther Estévez sabe todas as cancións de actualidade grazas ao seu traballo no TikTok, e se soubo que Pepe Capelán é o mellor imitador «vivo» de Paco Lodeiro. 

As circunstancias do xogo provocaron que Pepe Capelán chegase a dúas finais, Adrián Díaz e Teté Delgado a unha cada un e a vitoria final foi para Trisha. «Só me falta tocar o balón, a ver se me acordo de algo», ría Teté cando por terceira vez a retaron con temas de fútbol; «un tema esquecido para min dende a época dourada do Compostela», recoñecía. 

«Pasámolo en grande e ademais repartimos moitos cartos para boas causas», declaraba exhausto o presentador Paco Lodeiro ao remate do programa. É que os 5.000 euros doados van ser moi ben aproveitados pola Federación Galega de Bancos de Alimentos. «O que pedimos sempre é comida — admite o seu presidente, José Pita—, pero neste caso, os cartos doados ímolos destinar a cuestións de mantemento xa que a organización ten uns custos fixos de transporte e luz, e logo custes variables como poden ser as avarías das cámaras de conxelación ou de conservación das que dispoñemos. Sen cubrir estes custes non nos mantemos», relata agradecido.

A entidade non reparte alimentos directamente, se non que o fai a través doutras entidades espalladas polo territorio galego. Segundo o presidente atenden en Galicia as demandas dunhas cen mil persoas.