![Os cinco escultores que crearon as obras convertidas en bombón e os irmáns Marcos e Miguel Mosquera, de Fina Rei](https://img.lavdg.com/sc/uzqxcBuIJTSNeOZoD43L_FmAP9w=/480x/2024/10/17/00121729194961873725386/Foto/O_20241017_214236001.jpg)
Os reposteiros de Allariz presentan a colección «Legatum», unha edición limitada de bombóns convertidos en arte
18 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Aos seus mais de 50 anos de vida, a firma de repostería artesanal Fina Rei segue dando pasos pioneiros. Esta vez fan arte con chocolate. Concretamente, escúlpeno. A marca de Allariz presentou este xoves a súa colección «Legatum». Son cinco reproducións de esculturas dos artistas galegos Acisclo Manzano, Soledad Penalta, Xosé Cid, Arturo Andrade e Acisclo Novo. Crearon unha peza exclusiva para a edición limitada que os irmáns Marcos e Miguel Mosquera converteron en bombóns de chocolate recheos. Non só son un regalo para o padal senón que contan unha historia: a da propia vida, dende o nacemento ata a vellez.
Hai catro anos que os irmáns comezaron a darlle voltas ao proxecto. Xa fixeran doces da obra de Manzano pero desta vez querían levar a repostería a un nivel superior. Cun produto elegante, innovador e simbólico. Puxéronse en contacto con cinco escultores para que crearan unha peza que despois farían doce. O traballo foi conxunto pero os reposteiros encargáronse de escoller os ingredientes que representaban mellor cada etapa.
A primeira delas, a nenez, ten o nome de Xénese e o autor é Acislo Manzano. A obra de barro resultou un bombón de 400 gramos de chocolate con leite recheo de nube de abelá. O escultor representou para a ocasión unha muller embarazada. A seguinte etapa é a de Soledad Penalta, a infancia, co título de Agarimo. Reproduciron a peza de ferro con chocolate negro recheo de «ganache ruby» e framboesa. É unha das máis complexas de elaborar. A artista quixo representar dúas rapazas novas que saen ao parque. Despois vai a adolescencia, que ten o nome de Díscolo, a cargo de Arturo Andrade. Fixo unha peza de barro que como bombón ten sabor de chocolate negro recheo de trufa branca e mango. A inspiración foi unha desas parellas que pasean abrazadas pola Alameda de Allariz. «Adaptáronse ao formato e metéronse noutra dimensión», declarou admirado o escultor.
![Caixa co bombón da obra de Soledad Penalta, Agarimo, que representa a nenez](https://img.lavdg.com/sc/YvCv0XpYoOoc64dGgtyj2EMILMk=/480x/2024/10/17/00121729195502020943534/Foto/O_20241017_214235002.jpg)
Xosé Cid foi o encargado da obra da etapa de madurez, chamada Odisea e representada cun camiñante. Feita en bronce, pasou a ser un doce de chocolate negro recheo de «ganache » de ron con marrón «glacé» e laranxa. «É unha marabilla, case non sabía distinguir a obra orixinal da de chocolate», asegurou o artista. Por último, Acisclo Novo representou a vellez cunha peza de bronce. Chámase Perenne e mestura chocolate negro con recheo de oliva e especias. A figura dun home de 600 gramos muda a unha forma abstracta. «Esta iniciativa é un exemplo de excelencia, facelo dende a nosa terra é alucinante», valorou.
Os reposteiros de Fina Rei elaboran unha a unha cada escultura artesanalmente cun traballo minucioso, pola forma e tamén pola delicadeza do chocolate en canto a temperaturas ou humidade. Por iso será unha edición limitada no tempo, aínda que non está numerada. A colección está coidada en tódolos aspectos, como o estético e especial envoltorio. Os irmáns Mosquera propoñen que a caixa na que se encontra o bombón poida usarse como «cápsula do tempo» para gardar recordos. «Ao final da vida somos as emocións e a xente que queremos, ese é o discurso que pretendemos dar levando o arte á repostería con Legatum», defendeu Miguel.