Cariño, emoción e orgullo veciñal na derradeira viaxe de Xosé Manuel Piñeiro

La Voz OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Miguel Villar

A igrexa de Allariz xa estaba ateigada antes do funeral en memoria de Superpiñeiro

24 ene 2025 . Actualizado a las 11:07 h.

Xosé Manuel Piñeiro (Allariz, 1957-Compostela, 2025) foi un home mediático. O comunicador, un dos históricos da TVG xunto a xente como Xosé Ramón Gayoso ou a desaparecida Ana Kiro, baseou o seu éxito na proximidade, empatía e conexión cos espectadores. E con todos aqueles cos que interactuaba na súa faceta de presentador ou mantedor de actos solidarios e mesmo como cantante. Quixo visibilizar e normalizar a loita contra o cancro —no seu caso un mieloma múltiple— e fixo pública a enfermidade na propia televisión para anunciar a súa retirada temporal. Volveu á súa casa, a CRTVG, e seguiu colleitando os favores dun público que sempre lle foi fiel. Finalmente o alaricán perdeu a batalla, e Superpiñeiro —o alcume que lle puxeron na súa etapa do Supermartes, programa que guiou de 1992 a 2005, e que se fixo inseparable da súa figura— finaba aos 67 anos.

«Era un dos nosos»

O funeral celebrado na igrexa de Santiago de Allariz converteuse na imaxe do cariño, emoción e orgullo dos seus veciños e convocou tamén a compañeiros e amigos. O templo estaba ateigado de xente antes da chegada do cortexo fúnebre, o mesmo que a praza de Abaixo e os arredores do mesmo. Políticos ou ex cargos públicos como Miguel Santalices, Anxo Quintana ou a alaricá Laura Seara, entre outros, e compañeiros de profesión ou de programas nos que estivo —Diana Nogueira, Tonhito de Poi, Budiño ou Ánxeles Cuña, entre outros— acudiron para acompañar a Piñeiro na súa derradeira viaxe.

No acto relixioso o crego Manuel Rodicio tivo sentidas e emotivas palabras de lembranza para o seu amigo. «Era un dos nosos, e por iso tivo o éxito que tivo. Puxo as súas calidades ao servizo dos outros e acadou o recoñecemento que tivo pola súa entrega aos demais», sinalou. Recordou que Piñeiro xa apuntaba maneiras de cativo: «E podo dicilo mellor ca ninguén porque ben me acordo daquel festival de Nadal de 1968 no que se subiu ao escenario e conseguiu animar a todos os que estaba no salón».

 

De Vilanova a Caminha

O comunicador sempre lle dicía ao seu amigo que rezase por el, encargo que reforzaba nos últimos tempos. Manuel Rodicio tamén incidiu nun dos aspectos que sempre caracterizou a Xosé Manuel Piñeiro: a súa fidelidade co seu pobo e o orgullo se ser de Allariz. «El non podía faltar ao San Benito, para gozar das festas do pobo. Debémoslle unha misa por el ao santo e temos que cumprir este ano». Na misa tivo palabras de alento para os familiares, con un agarimo especial «para a súa nai Rosiña».

Piñeiro naceu no pobo de Vilanova —o exalcalde Francisco García lembraba estes días ao presentador, o fillo do ferreiro, como un showman xa de cativo e un mantedor das tradicións que nunca faltaba ás festas de Santa Bárbara— e logo a familia foi vivir para a vila. Dende hai anos tiña casa en Caminha, e alí desconectaba. Precisamente foi a un dos restaurantes da vila —«Hai estes dous que son bos. Dille que vas da miña parte, a ver se lle fan prezo»— ao que lle dedicaba a derradeira entrada na súa rede social.

«Era un dos nosos, e por iso tivo o éxito que tivo. Puxo as súas calidades ao servizo dos outros»