Un dos maiores éxitos do coñecido presentador foi o programa «Supermartes», que conduciu durante máis dunha década. Morreu esta noite en Santiago. O funeral terá lugar o xoves pola tarde en Allariz
22 ene 2025 . Actualizado a las 15:39 h.O mundo audiovisual galego amence tinguido de loito. Xosé Manuel Piñeiro, un dos rostros máis coñecidos da TVG, faleceu esta noite en Santiago aos 68 anos de idade. Nado en Allariz en 1957, no 2020 foi galardoado coa medalla Castelao.
Entre os seus éxitos estivo conducir durante máis dunha década, entre os anos 1992 e o 2005, o programa Supermartes, un dos grandes espazos da canle pública. Tamén estivo á fronte doutros programas, coma Tequelexou, Téquele, ou Acompáñenos. Dende o 2011 presentaba o programa Bamboleo. Fontes da TVG aclaran que, en principio, o corpo trasladarase esta tarde ao tanatorio de Allariz. Será o xoves pola tarde, a partir das 16.00 horas, e na igrexa de Santiago da vila alaricana, onde terá lugar o funeral do querido presentador.
Foi no 2018 cando Xosé Manuel Piñeiro, coñecido por todos en Galicia como Superpiñeiro e apodado polos seus como Pi, tivo que aparcar temporalmente a súa carreira televisiva ao padecer un cancro. El mesmo anunciaba no programa Bamboleo que deixaba o espazo por unha temporada. En Luar, días despois, desvelaba que tiña un mieloma múltiple.
No 2019, e no mesmo programa de Xosé Ramón Gayoso no que se sincerara un ano atrás, comunicaba con emoción que superara a enfermidade e que xa tiña a alta médica. «A única palabra que describe como me sinto é a gratitude. Este é un dos días máis felices da miña vida», sinalaba Xosé Manuel Piñeiro no seu regresó aos platós.
En novembro dese ano, Xosé Manuel Piñeiro volvía coller o micrófono para conducir o especial Aquí Portugal, un espazo conxunto entre as canles públicas galega e lusa que se ofreceu en directo desde a praza do Obradoiro.
Xosé Manuel Piñeiro, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, e tras ser profesor de filosofía e ética na Universidade Laboral de Ourense e orientador educativo nos institutos da Finca Sevilla e As Lagoas, converteuse xa nos anos 90 nun dos rostros máis emblemáticos da TVG. Ao longo de máis de 30 anos, colaborou en distintos espazos da TVG e da Radio Galega, así como tamén en Radio Voz, ademais de asinar columnas en distintos medios. Comunicador no sentido máis amplo da palabra, el prefería describirse como showman, engadindo a súa faceta como cantante aos seus variados talentos.
Únete a nuestro canal de WhatsApp
Nunha entrevista hai anos en La Voz lembraba que fora Antón Reixa, estando no Supermartes, quen o bautizara como Superpiñeiro. «El dixo: "Dende hoxe vas ser Superpiñeiro"», e así foi-. Tamén lle gustaba evocar como chegou á televisión. «É bo que a xente o saiba. A min colléronme nun cásting para o Supermartes. Non coñecía a ninguén na tele, aínda que eu si era algo coñecido en Ourense. Cantaba en grupos, en orquestras, presentaba actos...».
«Son Xosé Manuel Piñeiro, veño de Allariz, a vila de Ourense e levaba varios anos esperando este momento, ser presentdor de televisión», dicía un vídeo que recuperou Televisión de Galicia.
Pesar no mundo da cultura, a televisión e en toda a sociedade galega
O mundo da televisión, da cultura e en xeral toda a sociedade galega recibiu con conmoción a morte de Superpiñeiro, a pesares de que xa levaba tempo retirado da televisión por mor da súa enfermidade. Un dos primeiros en falar del foi Xosé Ramón Gayoso, presentador de Luar e ao que unía una fonda amizade. «Que menos que vir ofrecerlle a nosa homenaxe de cariño, porque el o que fixo fundamentalmente na televisión foi amar profundamente esta profesión. E el comentaba moitas veces que o público estaba por diante de todo e el quería á súa parroquia, como ben dicía», afirmaba nunha intervención na TVG este mesmo mércores, horas despois de coñecerse o seu pasamento. «El o que fixo foi eso, amar profundamente a ese público por medio desta profesión», aseguraba.
Tamén Roberto Vilar, presentador de Quen anda aí? e Land Rober, mostraba o seu pesar. «Xente coma Piñeiro é algo máis ca un presentador ou algo dunha televisión, forma parte dun país e pertence á xente. Cando foi á casa de Gayoso a dicir que tiña cancro, por iso o fixo, porque a súa vida non só lle pertencía a el mismo, senón que lle pertencía a todo o país. E iso xa hai moi pouca xente que poida dicir eso. Está é unha perda de todos. Eu vino hai tres semanas e el sempre dicía: `Ben, ben, ben,... está controlado, vai ben a cousa e tal'. E entón, si, claro estamos moi sorprendido, cando se che vai alguen así dunha maneira tan sorpresiva é como o tópico de que non o cres. Eu estou feliz e emocionado de haber desfrutado del, agradecido de poder gozar del».
«Antes de estrear unha canción sempre a escoitaba el», explicaba consternada a cantante Lucía Pérez, aínda sen poder crer a noticia da morte de Piñeiro. Ela, que participou con tan só oito anos no Téquele Téquele. «Fixo moito polos artistas deste país», declarou no Galicia por diante da Radio Galega.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, mostraba o seu pesar nas redes. «Hoxe Galicia perde a Xosé Manuel Piñeiro. Referente da @crtvg, o seu carisma marcou xeracións nunha carreira de éxitos. Descansa en paz. Inesquecible, Superpiñeiro».
Ana Pontón, do BNG, tamén enviaba o seu pésame. «Todo o cariño e afecto á familia e amizades de Xosé Manuel Piñeiro, un referente da nosa televisión pública co que tantas e tantos medramos», engadía.
Ademais todos os grupos parlamentarios expresaron na Comisión de Cultura deste mércores o seu pésame e condolencias polo falecemento de Superpiñeiro. O deputado do PPdeG José Luis Ferro foi o primeiro en expresar as «condolencias» do seu grupo pola morte de «todo un referente da CRTVG e un gran comunicador de Galicia», de quen lembrou que foi alumno no Bacharelato e quen, como natural de Allariz, «sempre fixo gala do seu orgullo de pertencer» á provincia de Ourense.
A deputada do BNG Mercedes Queixas sumouse a este «pesar» e manifestou «todo o cariño» á familia e amizades de quen foi «unha cara moi visible e representativa da lingua e a cultura galegas» e lembrou que «transcenderá á historia» como Superpiñeiro.
Tamén se sumaron a estas condolencias polas mortes de Piñeiro e Graña o deputado do PSdeG Julio Abalde e a deputada do PPdeG Carmen Pomar, así como o deputado do Grupo mixto Armando Ojea.
O pesar polo pasamento de Superpiñeiro traspasa as fronteiras galegas. O cantante Raúl participa con bágoas nos ollos en directo na TVG para lembrar ao presentador, un gran fan de Eurovisión. «No estoy afónico, estoy con un nudo en la garganta toda la mañana. Era muy grande como profesional, pero sobretodo era muy grande como persona. Anoche recibí un mensaje de un amigo, me decía 'Raúl, Piñeiro está muy malito'. Yo evidentemente sabía de toda su situación, hablé hace unos días con él por mensaje. Le contesté a mi amigo que (Piñeiro) estaba en la pelea, pero él me dijo 'No, no, no, está muy malito'», dicía roto de dor. «Es la sensación de que se te ha ido una parte muy importante de tu vida profesional, pero sobretodo se ha ido alguien con el que has compartido momentos únicos y con él que de verdad sabes que te dio un empujón muy, muy grande tanto en tu vida personal como profesional», dicía.
Outra artista eurovisiva que tamén se mostraba moi apenada era Soraya. «Que tristeza tener que despedirte querido Piñeiro… que pena... No te vamos a olvidar», escribía na rede X.