
O entroido incorpórase a unha listaxe oficial de bens de interese cultural (BIC) na que xa están incluídos arredor de 800 mobles e inmobles espallados por toda Galicia: igrexas, castelos, pazos, petróglifos, esculturas, libros, torres, castros, mámoas, etcétera. Ata agora, o número de bens inmateriais así catalogados (entre eles, algúns entroidos singulares como o de Santiago de Arriba, en Chantada) é máis ben escaso.
O recoñecemento ten, sen dúbida, o seu aquel simbólico, mais serán escasas ou nulas as súas repercusións prácticas sobre o desenvolvemento dunha festa de carácter tan popular que se argalla, ano tras ano, en aldeas, vilas e cidades de todo o país. Supoño, iso si, que servirá para reforzar o seu atractivo nos packs turísticos. Lémbrese que algúns deses entroidos teñen recoñecementos como festas de interese turístico mesmo de nivel internacional, como sucede no caso do de Xinzo de Limia, en Ourense.
O entroido (carnaval, antroido, entruido...) é unha festa singular, única, a gran festa de festas configurada na Baixa Idade Media como oposición á Coresma cristiá. Ao longo dos séculos foise convertendo no que Méndez Ferrín definiu como un «pozo negro de residuos culturais arcaicos». Desprovistas xa do seu sentido orixinario, fóronse depositando nel tanto manifestacións de procedencia romana, prerromana ou católica, como incorporacións do carnaval urbano máis sofisticado e exhibicionista, tan do gusto das elites sociais e económicas de toda Europa. O resultado: una festa rica, variada e poliédrica.
Os fondos cambios sociais das últimas décadas teñen o seu lóxico reflexo na forma de vivir o ocio festivo. Certo. Mais, hoxe coma onte, cambiar de identidade, sequera sexa por unhas horas, ten o seu encanto. A máscara, igual cá risa, a sátira, a imaxinación ou a creatividade, seguen a nutrir o crecemento exponencial do carnaval galego nos últimos anos. E non só alí onde xa bebía dunha forte tradición local, senón tamén en moitas vilas e cidades que lle foron collendo o gusto a iso de se disfrazar, invadir as rúas e desfrutar dun xeito distinto ao que acontece noutras festas estandarizadas.
Federico Cocho é autor do libro «Carnaval en Galicia»