Pombo aposta pola dixitalización da antiga CRTVG e a expansión internacional para dirixir a corporación

Manuel Varela Fariña
Manuel Varela SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

A candidata a dirixir a CRTVG, Concha Pombo, no Parlamento.
A candidata a dirixir a CRTVG, Concha Pombo, no Parlamento. XOÁN REY | EFE

BNG e PSdeG rexeitan o seu nomeamento entre críticas de «manipulación» e «desaparición do pluralismo» dos medios públicos galegos

27 may 2025 . Actualizado a las 14:36 h.

A actual xefa de informativos e candidata a dirixir a nova Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) —nome que pasou a recibir a CRTVG—, Concha Pombo, compareceu este martes no Parlamento galego para defender o seu proxecto á fronte do ente público no caso de ser escollida, nunha nova etapa «co galego e co próximo por bandeira». En comisión parlamentaria, paso previo ao pleno de xuño no que será oficialmente designada directora da corporación tras ser proposta polo PPdeG, fixo un repaso pola súa traxectoria na casa, onde exerce como directora de Informativos desde 2017, e valorou o feito de ter comezado hai 27 anos como bolseira. «Hoxe estase a poñer en valor a traxectoria e a carreira profesional de todas as traballadoras e traballadores da empresa», afirmou Pombo.

Na súa intervención, de case media hora de duración, apostou por unha liña continuísta na transición da CRTVG á CSAG e marcou varios retos inmediatos. Entre eles, destacou o reforzo da «marca G», o avance cara a unha «corporación multimedia» e o desenvolvemento de canles e aplicacións propias que reduzan a dependencia de algoritmos alleos. Propuxo tamén a dixitalización a curto prazo do arquivo histórico entre 1985 e 2000, así como alianzas con universidades, centros de investigación e coa diáspora galega. «Agalega.gal é a nosa Netflix galega, diversa e de balde», sinalou.

Expansión internacional

Ademais da dixitalización da radio e do arquivo, a candidata defendeu a necesidade de modernizar os sistemas de produción e manter os «estándares técnicos e de seguridade» que permitan, a nivel interno, «a transición definitiva cara a unha corporación multimedia». Eloxiou o sector audiovisual galego e mostrou a súa intención de potenciar e fortalecer o talento propio, fixando como outro obxectivo a expansión internacional «como nunca antes sucedera na historia do noso audiovisual».

Pombo defendeu tamén que os medios públicos deben «reflectir con honestidade a realidade social de cada momento» e reclamou unha medición de audiencias que combine datos tradicionais e dixitais. Salientou a xestión da pandemia e de incidencias como o apagón do 28 de abril, durante o cal, segundo afirmou, se mantivo a información á cidadanía. Achegou datos de audiencia para defender o labor da corporación, como o liderado da televisión en todas as franxas horarias ou o incremento da escoita da Radio Galega en 47 minutos diarios. Tamén destacou o impacto en redes sociais, cun total de 16 millóns de usuarios que visualizaron a conta de TikTok de G24 no último ano, e o saneamento das contas da corporación.

Críticas de manipulación

A oposición rexeitou a súa candidatura entre críticas por «manipulación» e «sesgo informativo» no seu desempeño á fronte dos informativos. A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, cualificou a proposta do PP como a dunha «directora parte». «Para iso reformou a lei o PP, para poder poñer un nome deles», denunciou. Cuestionou a súa idoneidade por ser responsable da «desaparición do pluralismo nos medios públicos», exemplificando co «veto» á portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, e coa invisibilización doutras forzas e colectivos, expuxo. Criticou tamén que a CRTVG fose condenada pola Audiencia Provincial por mentir sobre o BNG e que, mentres tanto, «o presidente da Xunta ten panexíricos en cada telexornal».

Desde o PSdeG, Silvia Longueira acusou ao PP de escoller á persoa «máis radical posible» para a dirección do ente público, despois de «perverter» o procedemento cunha reforma legal que eliminou a esixencia de consenso parlamentario, criticou á nova lexislación. Lembrou que a candidata é responsable dos informativos durante unha das «etapas máis negras de manipulación e persecución política» ao persoal profesional, marcada polos 366 venres negros. Advertiu tamén do «sesgo» na xestión do arquivo, centrado exclusivamente na actividade do PP e do Goberno galego, ignorando actos doutros axentes sociais como sindicatos ou entidades locais.

A popular Carmen Pomar defendeu a Pombo como «a mellor candidata posible» cun «expediente brillante» e afirmou que a súa elección rompe «teitos de cristal». «Aquí non se reparten postos nin carnés», asegurou, acusando á oposición de rexeitar calquera posibilidade de consenso.

A entrada en vigor da nova lei de medios habilita a Pombo a ser escollida cos votos do Partido Popular, xa que basta a maioría absoluta, nunha terceira votación, para escoller ao novo director da corporación. A primeira votación esixe un mínimo de dous terzos dos 75 deputados (50 votos), e a segunda, de tres quintos (45).