Búscanse voluntarios para a organización dun dos 90 mellores festivais de terror do mundo

P.P.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

<span lang= gl >Membros do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, o pasado venres posando diante da figura de Hulk na inauguración da exposición sobre heroes da Marvel do certame audiovisual</span>
Membros do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, o pasado venres posando diante da figura de Hulk na inauguración da exposición sobre heroes da Marvel do certame audiovisual Cedida

Ter os 18 anos cumpridos e desfrutar traballando en equipo e de cara ao público son practicamente os únicos requisitos

08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecer a cineastas e a artistas do xénero fantástico, gozar dunha perspectiva diferente das proxeccións e actividades do certame ou formar parte dun equipo apaixonado polo tipo de cinema que en cuestión de semanas encherá o Salón García. Estas son algunhas das vantaxes que a asociación á fronte do Curtas Festival do Imaxinario ofrece no anuncio no que anima a sumarse á organización dun dos 90 mellores festivais de terror e fantástico do mundo, segundo a publicación de referencia no xénero Dread Central.

Ter 18 anos cumpridos, desfrutar interactuando co público, ser responsable cos compromisos asumidos no voluntariado e querer traballar en equipo son os únicos requisitos precisos para formar parte da maquinaria que fará posible, do 24 de outubro ao 2 de novembro, unha nova edición do Curtas en Vilagarcía de Arousa. Os voluntarios poderán inscribirse ata o día 16 a través do seguinte formulario online: https://forms.gle/4KdxZQuWFpht19uA6 no que deberán indicar os días e treitos de cada xornada, mañá, tarde e noite, nos que estarían dispoñibles para traballar no certame. 

Desde o festival advirtenlles ás persoas que non vivan en Vilagarcía de Arousa que, dado o seu modesto presuposto, non poden cubrir gastos de aloxamento.