Abre en Cambados o Túnel do Viño con 180 propostas

María Santamaría / R. E. CAMBADOS / LA VOZ

SOMOS AGRO

MONICA IRAGO

Os amantes do viño albariño poderán degustar as variedades ata o sábado

01 ago 2025 . Actualizado a las 20:18 h.

O Túnel do Viño da Festa do Albariño abriu onte as súas portas para o público nacional e internacional. O Salón de Congresos e Exposicións José Peña alberga ata mañá 180 variedades da Denominación de Orixe Rías Baixas que proveñen de máis de 70 bodegas. Viños entre os cales se atopan algúns produtos especiais, que non se poden saborear en moitas outras ocasións.

Degustando algunha das propostas alí expostas estaba un grupo de profesionais do sector do viño procedentes de Estados Unidos. Unha das rapazas relataba que esta é a súa primeira Festa do Albariño e polo de agora a súa variedade gañadora é o Albariño do Ferreiro 2024, da Adega Gerardo Méndez.

Outro dos que probou algún viño foi o alcalde de Cambados, Samuel Lago, que entre risas comentaba que todos os anos cata «todas as variedades e elaboracións, boh, todas non, algunhas». As 180 variedades, entre as que se encontran brancos, tintos e espumosos están expostas nun conxunto de doce mesas. Nestas, ademais de degustar o produto, tamén se pode ler a ficha técnica na que se consultan características como a zona de onde ven, a variedade, a porcentaxe de alcol, a produción da marca en botellas, o tempo e o tipo de crianza da bebida.

O conselleiro de Emprego, José González, mencionaba a profesionalidade e o esforzo que se reflicten en iniciativas como a do Túnel do Viño. «O viñedo fai unha paisaxe extraordinaria, e dende logo faise un produto de gran calidade, que está nos mellores restaurante de todo o mundo», falaba a modo de exaltación da bebida protagonista deste fin de semana en Cambados.

Que non pare a celebración

Hoxe a Festa do Albariño está marcada polo concerto multitudinario de Brytiago, Yan Block e Dei V, tres cantantes urbanos que actúan na praza de Fefiñáns, ás nove e media da noite. Concerto para o que xa non quedan entradas grazas á gran demanda dos tres artistas.

A maiores, este venres será Nortada Electrónica a encargada de animar o paseo de San Tomé, e na praza do Concello o grupo América SL e o disyóquey JJ Compota serán o atractivo musical. Por outra banda, os hostaleiros da praza de San Gregorio organizaron a actuación de Mckuin e Dj Mínimo Eventos, ás cinco e media da tarde.