Patrocinado porPatrocinado por

«Hai meses que Medio Rural é a consellería de Mar e de Montes»

Pablo Viz Otero
P. viz LALÍN / LA VOZ

AGRICULTURA

«En tempo de fusións carece de sentido tantas cooperativas en Lalín»

29 abr 2012 . Actualizado a las 07:03 h.

«O prezo do leite non debía baixar de 40 céntimos e o que se vende no mercado, de 65»

Francisco Bello Bello, 47 anos, naceu en Ponte Maceira, e é lalinense dende mediados dos anos oitenta. Acaba de ser reelixido secretario xeral galego de Xóvenes Agricultores, cargo no que leva cinco anos. O tema agrario e sindical venlle na sangue. «Meu pai é cofundador de Feiraco, e do sindicato Saga, e como grupo de gandeiros inconformistas meu pai foi cofundador de Unións Agrarias, está na foto xunto a Loriga cos fundadores». Bello dende a dirección de XX. AA. rexe unha organización con 16.500 socios en Galicia e 2.300 en Deza-Tabeirós.

-¿É crible o lamento agrario?

-É unha realidade. É un sector tremendamente maltratado. Mantense a xente por falla de alternativas, senón perderíanse moitos máis activos. A sociedade di que ?xa están estes que se queixan por todo? pero xúntanse tantos problemas nunha explotación que non sei como segue o que hai. Hai cantidade de cousas que non custan diñeiro e que non se fan... lamentable. Como a distribución que como noutros países sería un elemento vertebrador poñéndolle prezos mínimos, ou que normas para o mesmo territorio se solapen... como que nas parcelarias non se poidan enlazar pistas con núcleos e queden sen conexión cinco metros. Dáche rabia, o país debía avanzar se houbera coordinación das diferentes competencias sobre o territorio.

-¿Non é labor de Medio Rural?

-Si pero levamos tres meses que a Consellería do Medio Rural é a do Mar e do Monte. Está de lado. É algo que Galicia no se pode nin se debe permitir. Aí as mentes deste país deberían pensar algo máis cando fan os organigramas. O medio rural, agora mesmo, conta moi pouco no Goberno galego. Preocúpame e alármame porque é case o 90% de todo o territorio e, aínda que só temos un 20% de poboación, hai unha actividade económica e grandes posibilidades que, se como din os políticos, é estratéxico, non se lle debería estar quitando peso.

-¿Debe variar a visión do rural?

-Calquera política para o rural ten que partir das persoas que teñen alí actividade, que segue sendo agrícola e gandeira. Moitas políticas que se están implementando para o rural agora fináncianse con cartos dos agricultores e gandeiros. A PAC son fondos que proceden dos agricultores que se lle descontan a estes para facer políticas, e preocúpame moito que nestes fondos ao mellor teña máis porcentaxe de subvención unha actividade que pode ser necesaria pero dubido de que se teña que facer con cartos do sector agrario como pode ser un tanatorio ou unha pista de pádel. E xa pasou que unha pista de pádel recibe 100% de axuda e o aforro enerxético dunha granxa de vacún só o 50%. Alguén se está equivocando no deseño.

-Pero deseña Europa ¿non?

-Hai novos nichos de oportunidades que aproveitar pero desde o enfoque da actividade predominante. É o caso de Rede Natura que non pode ser unha lacra para os habitantes do rural, ten que ser unha oportunidade, como se planea en Europa. Non é contradición o que se fai con Europa pero ou non se desenvolve como debe ser ou se fai de modo moito máis restritivo.

-As cooperativas, ¿deberían abrirse a outras dimensións?

-Hai que desmitificalas. Son entidades puramente económica. Dinámicas, pero son vendedores de produtos e compradores de materias primas. En tempos de fusións non ten sentido que en Galicia ou en Concellos como o de Lalín haxa tantas cooperativas. Hai que darlles dimensión, teñen que poñerse as pilas e tamén incorporar potencialidades que se ofrecen, e as da nova PAC, ir vendo por onde van os tiros. Non podes ter unha máquina ou un veterinario só para o servizo dos socios, deben buscar novas vías e ver que os tiros poden ir por outro lado. Se no Deza sobra unha cisterna de leite é un drama, caen os prezos por sobrar leite. Iso poderían regulalo as cooperativas.

-Os malos para os sindicatos son industria e distribución, ¿non ten ningunha culpa o gandeiro?

-Temos culpa de ser individualistas, pouco organizados, pensar que alguén vai resolver o noso problema. Organizas algo e están os de sempre e non son os que levantan a voz nas asembleas ou nos bares. Teñen que concienciarse... independentemente de que a Administración carga máis burocracia ós agricultores que á distribución, soe ser forte co débil e débil co forte.

-¿Que prezo ten que ter o leite?

-Non debía haber un litro por debaixo de 40 céntimos. E o produto no mercado non debía habelo a menos de 65 céntimos.

-Os prezos son dispares...

-É inexplicable. É política rastreira das industrias. Saben que aquí temos volume e prezo barato e con iso ao mellor compensan outros negocios noutro lado. É unha vergoña. As administracións teñen que dicir algo niso.

-Deza cobra algo máis có resto...

-En Deza hai cooperativas, concéntrase produción e as explotacións teñen maior tamaño.

-¿Haberá OPLs?

-Sen dúbida. Xóvenes, Unións e SLG téñenas moi avanzadas, e pretendemos confluír nunha. Distinto é se cumprirán o papel que se lles da. Teño dúbidas.

-¿Para cando os contratos?

-A Administración dixo que a partir do 3 de outubro. Preocúpame porque falta a figura da mediación a priori, ¿quen arbitra un desacordo ó fixar o prezo?

«Calquera política no medio rural debe partir das persoas que alí teñen actividade»