Ramón Villares: «A cultura ten un inxusto sambenito de ser un lugar de subvencións»

AGRICULTURA
Aínda que non debe banalizarse, di, o sector si ten que ter distintos niveis
28 may 2014 . Actualizado a las 11:16 h.Ramón Villares Paz (Cazás, Xermade, Lugo, 1951) acaba de ser reelixido presidente do Consello da Cultura Galega. Será o seu derradeiro mandato ao fronte desta entidade, uns anos nos que as novas tecnoloxías e a acción exterior estarán moi presentes.
-¿Enfróntase á terceira etapa de xeito distinto ás dúas primeiras?
-Cada etapa é distinta. Agora hai outro contexto histórico. A primeira foi de reorganización interna; na segunda fixemos unha tentativa de sobrevivir en tempos de crise; e esta terceira vai estar presidida por unha maior presenza na rede e unha recuperación ou un impulso da acción exterior.
-¿É o de agora outro contexto histórico pola crise?
-Non soamente. Na cultura temos cambiado moito, pero non nos damos moita conta. Coas novas tecnoloxías e a rapidez da información, hai moitas máis posibilidades de que un poida estar presente, crear, facer un blog, un documental, e iso muda a nosa forma de entender a cultura. Tamén cambian os públicos, que xa non son estáticos nin cautivos que veñen a unha sala pechada a escoitar unha conferencia.
-¿Ten que facerse máis atractiva?
-A cultura non ten que facerse banal, porque tamén hai ese perigo, pero ten que haber diversos niveis de cultura. Un Mozart ou un Bach non é como unha canción flamenca, pero estamos nunha sociedade que ten un acceso igualitario a unha serie de mecanismos, sobre todo con Internet, que facilitan que se entenda a cultura dun xeito distinto.
-¿Tamén para chegar aos novos?
-Tamén, aínda que no noso portal web temos bastantes visitas de xente nova. As pasadas eleccións mostraron o que estamos falando, as alternativas máis flexibles, menos tradicionais, tiveron de momento éxito. A cultura en Europa ao modo tradicional está cambiando moito, hai máis cultura de lecer e de grandes eventos, e temos que ir progresivamente cambiando.
-Outro obxectivo deste mandato é incidir no papel do Consello como asesor de institucións, ¿escóitase a esta entidade?
-É que é a nosa obriga. A dinámica política é moi voraz e quere resultados a curto prazo, cando nós traballamos a medio, polo tanto non é fácil a conexión. A nosa opinión ás veces pode ser tildada de conservadora ou preservadora, pero non podemos facer outra cousa. En xeral respéctase a opinión do Consello. Tampouco hai que facer desto unha cuestión de gabinete, en xeral a nosa opinión é bastante sensata.
-¿A cultura galega é de esquerdas?
-As culturas non teñen adscrición ideolóxica, pode suceder que as persoas da cultura tomen partido nunha dirección, por exemplo en procesos de transformación dun país. No caso de Galicia hai unha certa relación entre cultura e proxecto nacional, pero a cultura e máis ampla que iso, e sería un mal negocio para todos, incluso para os nacionalistas en estrito senso, que a cultura fose exclusiva deles.
-Se saímos da crise, ¿cultura e institucións sairán reforzadas?
-É probable. A crise obriga a todos os sectores a medir mellor os seus obxectivos e priorizar. A cultura non é dos que peor utilizou os seus recursos. É unha oportunidade para depurarse e funcionar mellor. A cultura ten un sambenito de que é un lugar de subvencións, que é un floreiro. É profundamente inxusto, xa me dirás qué pasa coa agricultura, a pesca ou a automoción. Habería que substituír a PAC (política agraria común) pola PEC (política europea da cultura).