Raúl Ferreiro, párroco na Terra Chá: «Cando empecei de cura, tiña que falar cos de Extensión Agraria para amañar camiños»
AGRICULTURA
Con 50 anos de crego, di que o seu labor inclúe a atención aos problemas da xente
19 may 2023 . Actualizado a las 10:05 h.Raúl Ferreiro leva 50 anos de crego. Comezou os estudos eclesiásticos con 24 anos, e tras a estadía de formación en Salamanca tiña a vontade de marchar de misioneiro. O bispo de Mondoñedo-Ferrol, Miguel Anxo Araúxo, conveneceuno para quedar, e el aceptou cunha condición, que a ordenación se celebrase na súa parroquia (A Meda, no concello de Castroverde).
Aceptado ese desexo, comezou o seu labor de crego en parroquias de Pol, A Pastoriza e Castro de Rei. Logo asignáronlle algunha máis, pertencentes a Castro de Rei, a Pol e a Outeiro de Rei. Daquela xa quedaba lonxe o seu interese por emigrar a Venezuela, que o levara a facer o servizo militar como voluntario para ter cumprido ese trámite antes de marchar. Foi o sexto de oito irmáns. «Traballaba con eles nos labores do campo», lembra.
-Séntese aínda labrego, depois de tantos anos de crego?
-Creo que estiven xunto á xente da aldea, que vivín a vida dos labregos. Naqueles tempos había que facer de todo nas parroquias. Non había auga, nin luz, nin camiños. Logo, a concellos coma A Pastoriza, chegaron as concentracións parcelarias.
-Cambiou moito a vida do campo coas concentracións parcelarias, non lle parece?
-Como non... Foron un gran cambio. Eu estaba encarnado na vida dos labregos, e cando vin aquí [refírese á parroquia de Ludrio, en Castro de Rei], non había ese campo de atrás [refírese a un campo situado xunto ao cemiterio e á igrexa].
-Foron anos de transformacións...
-Si. Pero daquela a xente tiña algo que non hai agora: había máis unión, falábase máis. Antes, cando eu era mozo, íase ás festas en grupo. Non hai esa convivencia fonda que había; pero tamén é certo que nas parroquias queda moita xente maior e pouca xente nova.
-Forma parte do traballo dun crego a atención a necesidades concretas dos veciños?
-O labor dun cura non é só celebrar misa. O cura ten que facer iso, pero hai tamén outras cousas nas parroquias. Volvería facelo encantado. O día en que me fixen cura tocoume a lotaría: sempre tiven paz; sempre quixen moito á xente, e a xente tamén me quere.
-Un cura é aínda un referente para a xente da súa parroquia?
-Aínda o é hoxe. Hai xente que di que non cre, pero que logo, á hora da verdade, comparece. Eu, cresen ou non cresen, tratei sempre igual a todos. Esa era a miña misión e segue a selo. Agora, xa por pouco tempo será, porque teño 83 anos. Volvería ser cura de aldea: chegabas a un sitio e había xente polos camiños...
-Aprende un cura dos seus fregueses?
-Si. Se os escoitas, se lles fas caso, ábrense a ti, como o cura se ten que abrir a eles. Que pinto eu se non quero á xente? É o que fixo Xesús de Nazaret.
-Hai unha relixiosidade rural na Terra Chá?
-Habíaa. Agora...
-Segue a estar pendente un cura dos problemas da xente?
-Xa están os políticos [ri]. Cando comecei, tiña que falar cos de Extensión Agraria, a ver se nos daban algo para amañar camiños, ou cos de Barras Eléctricas [Galaico-Asturianas, compañía que daba subministro eléctrico a Lugo cidade e a case todo o norte da provincia]. Pero iso tamén é bonito, porque un cura ten que preocuparse das cousas da xente, e se non, non pinta nada. Cando eu empecei, case non había coches; eu tiña un [Citroën] Dyane 6 e moitas veces levaba xente ao médico. Pero a xente tamén é agradecida, e aínda hoxe hai quen me di 'non veña tanto por aquí, que vostede xa é maior'.
-Gústalle o rural para vivir?
-A cidade é moi fría, máis ca as aldeas, aínda que as aldeas tamén morreron. Moita xente morreu; outra vén nas fins de semana, cando vén.
-E no campo vívese mellor do que se vivía cando vostede comezou.
-No campo vívese mellor. O que ten moitas vacas é moi escravo, pero tamén ten moitos ingresos. Alégrome de que aos labregos lles vaia ben. Cando comecei, non había concentracións parcelarias nin había pistas. Mandáronme unha carta sobre a concentración os do Iryda [siglas en castelán do desaparecido Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario], e puxen unha nota na porta da igrexa de San Martiño de Ferreiros. Deilles un consello aos veciños; díxenlles: 'Eu faríao, pero vostedes son libres'. Hoxe hai benestar económico, vívese ben, e alégrome diso.
Orixe. Raúl Ferreiro naceu na parroquia da Meda (Castroverde) en 1939.
Evolución. Estudou en Salamanca. Foi ordenado en 1973. Atendeu parroquias nos concellos de Castro de Rei, Pol, A Pastoriza e Outeiro de Rei, e hoxe é cura en Castroverde (Barredo e A Meda), en Castro de Rei (Duancos, Ludrio, Mondriz e Orizón) e en Pol (San Martiño de Ferreiros e Lea).
Homenaxe. Este sábado recibe unha homenaxe dos veciños das súas parroquias. Celébrase no complexo Val dos Soños, de Duancos: á unha e media da tarde celébrase unha misa ao aire libre, e despois, un xantar.