Patrocinado porPatrocinado por

Cursos e rutas polo Candán, plans da delegación de AGA

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGRICULTURA

Cedida

O colectivo comarcal medrou en socios, e ten 41 apicultores

13 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O último mes do ano serve para que asociacións e organismos diversos presenten os seus balances anuais, pero tamén para marcar o camiño a seguir de cara ao próximo exercicio. Así o fixo a delegación dezá da Asociación Galega de Apicultura, no transcurso da asemblea anual celebrada recentemente, na que a lalinense Marita Puga mantense á fronte da delegación.

Un encontro no que se avaliou a situación da delegación comarcal que, a xuízo de Marita Puga, goza de boa saúde despois de medrar en número de asociados acadando os 41, sendo na ampla maioría dos casos apicultores que levan anos contando con colmeas. «As incorporacións de xente nova ao mundo da apicultura estase dando a nivel da asociación, mentres que na delegación os nosos socios son persoas con traxectoria xa longa neste mundo», apuntou.

A preocupación que teñen os apicultores respecto da proliferación da vespa velutina que ataca as colmeas hai que sumarlle a varroa, «non podemos esquecela, xa que os colmeares non morren só polos ataques das velutinas, tamén da varroa»; cuestións que foron tratadas en cursos neste ano pero que se manterán no calendario para o ano próximo.

Un curso sobre as ceras e o lavado de cadros, a aplicación de tratamentos ecolóxicos con ácido oxálico, os diferentes métodos de cría de raíñas foron algunhas das peticións formativas que se prantexaron na asemblea entre os socios asistentes, e que se incluíron na programación do ano 2025.

Por outra parte na intención da delegación de AGA está realizar un desprazamento a Zamora para asistir á feira do mel que alí se leva a cabo, nunha viaxe que está condicionada por facerse cun mínimo de socios participantes. A realización de rutas pola Serra do Candán para ver as alvarizas que se manteñen na zona é outro dos proxectos que se pretende realizar no ano próximo, «e que permitiría ver como era a apicultura antigamente. Pensamos que pode ser algo moi interesante», comentou a presidenta da delegación.

Unha programación que irá sufrindo engadidos en función da demanda que se vaia prantexando, pensando en que sexa variada. «Neste ano houbo dende charlas sobre a várroa, pasando pola importancia de cambiar láminas de cera para manter sas as colmeas ou os materiais a usar ao longo do inverno, pero tamén se organizaron catas de meles e nos formamos na cría de raíñas para duplicar os colmeares», resumiu.

Por outra parte dende a delegación de Deza da Asociación Galega de Apicultura promoveranse actividades nos colexios da zona con motivo do Día da Abella para dar a coñecer entre os máis cativos o mundo apícola, e convocarase de novo un concurso de debuxo que na súa primeira edición foi gañado polos alumnos do colexio Manuel Rivero de Lalín.