O albariño centenario que é testemuña da historia das Rías Baixas

xacobe lamas CAMBADOS / LA VOZ

AGRICULTURA

MONICA IRAGO

Terra de Asorei acaba de poñer a venda un viño feito coas uvas dunhas cepas que o CSIC certificou como centenarias. Serve como homenaxe aos Pintos, familia que axudou a poñer as vides de Cambados no mapa

27 oct 2025 . Actualizado a las 16:18 h.

No 1593 xa había vide no predio de Ouso da Torre, unhas terras situadas nos arredores do actual Cambados, aínda que no século XVI o pazo de Fefiñáns aínda non estaba en pé e a vila non traspasaba os límites do que hoxe coñecemos coma casco histórico. Iso é o que se pode observar nun mapa rescatado polo investigador Héitor Picallo e que é a testemuña máis antiga detectada sobre a orixe dunhas cepas que podemos cualificar con rotundidade como centenarias.

Os tres séculos seguintes, o couto veciño ás ruínas de Santa Mariña vai cambiando de mans. Germán Pintos, fundador de Casa Germán —un dos locais nos que se comezou a servir este viño e ás portas do cal celebraríase en 1953 a primeira festa do Albariño— tiña a certeza de que, ao momento do seu nacemento no 1902, estas cepas xa medraban nas súas terras. As pescudas levan a confirmar case con total seguridade que cando a familia Pintos, unha das responsables de que o vino albariño sexa hoxe en día insignia de Galicia e famoso no mundo enteiro, herdou Ouso da Torre en 1873 as cepeiras xa estaban alí.

A investigación foi levada a cabo polo CSIC e dirixida pola doutora María del Carmen Martínez. Quen se achegou a ela coas preguntas foi Roque Durán, presidente das adegas Terra de Asorei, que tomou no ano 2020 a decisión de explotar estas vides que o seu recén finado amigo Ramón Pintos, fillo de Germán, «a primeira persoa que viviu como profesional do albariño», tiña a intuición de que podían ter máis de 100 anos. Unha vez confirmado, o seu foi tratalas con moito mimo para crear un viño que servise coma homenaxe ao legado do seu compañeiro e da súa familia. O fito histórico que pode supoñer esta cepeira de albariño é aínda maior se un ten en conta que a comezos do século XX a variante predominante nas Rías Baixas era o espadeiro. Calcúlase que solo un 1 % do total era albariño, e esta cepa forma parte desa escasa porcentaxe previa a crise da filoxera que provocaría un xiro á economía da comarca, outorgándolle o protagonismo á variante hoxe indiscutible.

Por suposto, non tódalas cepas que nacen en Ouso da Torre son centenarias. E quen entenda do proceso de produción do viño saberá que non é unha labor doada asegurar de que cepas provén o contido dun capacho e moito menos dunha botella. Aí é onde pasado e presente conectaron e Terra de Asorei botou man da tecnoloxía para apañar as uvas das históricas cepas. Nunha vendima un tanto particular puxeron en marcha un innovador proceso de trazabilidade dixital cepa a cepa e control por satélite do transporte, empregando aplicacións móbiles, dispositivos de rastrexo e códigos QR como identificadores. Todo para garantir que Cepas centenarias foi feita, efectivamente, coa uva das singulares cepeiras.

O resultado é un viño, o da campaña do 2023, con máis azucres e menor acidez que a media, pero cunha graduación maior, que encheu 1.960 botellas á venda dende a semana pasada. Non son moitas, o que pode dar unha cepa de máis de 100 anos, pero iso fai delas un produto aínda máis exclusivo. Xa están fermentando nas instalacións de Terra de Asorei os zumes das uvas apañadas nos anos 2024 e 2025, que Durán asegura que terán un sabor diferente, dado que aínda están experimentando «e aprendendo» desta liña.

Segundo Durán, o privilexio de contar cunhas cepeiras con tanta historia permite ver como evolucionou o proceso de maduración da uva nos últimos tempos: «Estas cepas hai 70 ou 80 anos vendimábanse a partir do 20 de setembro. Na última década, comezou a facerse a partir do 15. Este ano, vendimamos antes do 10», e sopesan a idea de facelo a finais de agosto en anos futuros, convencidos de que o resultado será outro viño completamente distinto. «Por iso animamos a catar Cepas centenarias durante os próximos anos, para observar a súa evolución».

Un viño con filosofía slow living

Igual que as veteranas cepas tiveron que ser coidadas con mimo e paciencia para producir o seu froito, o caldo resultante invita a tomar as cousas con calma. Gozalo admirando unha posta de sol ou durante unha conversa pausada e gratificante, quizais sobre a historia da produción do viño, quizais do seu impacto na cultura galega. Son eses momentos, asegura Durán con paixón, «polos que vale a pena cultivar viño».