Martín Códax, tras recibir o Premio da Cultura Galega: «A música, como o viño, ten a capacidade de emocionar e conectar ás persoas»

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AGRICULTURA

MONICA IRAGO

O xurado destacou o papel da adega como axente dinamizador, impulsor de eventos como Os xoves de Códax, os Premios Martín Códax de Música ou o Outono Códax Festival

08 nov 2025 . Actualizado a las 11:26 h.

O viño e a música comparten unha mesma linguaxe: a da identidade e o territorio, pero, sobre todo, a do encontro e as emocións. Ese é un dos principios sobre os que a adega Martín Códax comezou a construir, hai xa moito tempo, un programa co que pretendía dar apoio ao tecido cultural galego, contribuir á difusión da nosa música e poñer en valor a creación artística con raíz neste territorio. Por todo iso, Bodegas Martín Códax vén de ser distinguida co Premio da Cultura Galega 2025 na categoría de Música, un galardón outorgado pola Xunta de Galicia co que se quixo recoñecer a súa traxectoria «como axente dinamizador da cultura en Galicia, e especialmente a súa implicación coa música galega a través de iniciativas que, ao longo dos anos, se teñen convertido en referentes do panorama cultural»: Os xoves de Códax, os Premis Martín Códax da Música ou o Outono Códax Festival.

«Recibir este premio é unha honra inmensa. A música forma parte da alma do noso proxecto e da nosa maneira de entender Galicia. Cremos na cultura como unha ferramenta que une, inspira e constrúe comunidade. Este recoñecemento é tamén unha homenaxe a todas as persoas, artistas e colaboradoras que, xunto a nós, fan posible que a música galega siga medrando e soando dentro e fóra de Galicia», sinalan desde Bodegas Martín Códax, unha adega que dende o seu nacemento no1985, en Cambados,«fixo da creación cultural unha parte esencial da súa identidade, convencida de que o viño, como a música, ten a capacidade de emocionar e conectar ás persoas».

Os Premios da Cultura Galega, impulsados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, distinguen cada ano a persoas e entidades que contribúen de maneira destacada ao desenvolvemento, conservación e proxección da cultura galega en distintos eidos. Na edición de 2025, Bodegas Martín Códax comparte recoñecemento con nomes tan emblemáticos como Editorial Galaxia, a Bienal de Pontevedra ou o Museo do Pobo Galego. Con este galardón, Bodegas Martín Códax reafirma a súa vocación de seguir apostando pola música galega como expresión de identidade, creatividade e orgullo compartido, continuando o seu labor como espazo de encontro entre a tradición e a vangarda.