Un novo libro dos Bolechas sobre incendios forestais busca implicar aos escolares na protección do monte
FORESTAL

O volume pretende que os nenos tomen conciencia do valor dos bosques
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentou esta mañá o novo libro dos Bolechas centrado na loita contra os incendios forestais, nun acto no que participaron preto de cen escolares. Acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, Gómez destacou que o obxectivo desta publicación é fomentar a participación activa e responsable dos máis pequenos na protección do medio natural.
Segundo explicou a conselleira, a iniciativa pretende que nenos e nenas tomen conciencia do valor dos bosques dende idades temperás, ao tempo que coñecen como se xestiona a prevención e extinción dos lumes forestais na comunidade. «Os cativos aprenden como funciona o operativo galego contra o lume e a gran variedade de profesionais implicados, como axentes ambientais, informáticos, bombeiros, pilotos ou emisoristas», sinalou.
Ademais de presentar os diferentes perfís profesionais, o libro tamén explica as ferramentas, a maquinaria e o sistema de vixilancia empregados na loita contra os incendios. A conselleira fixo fincapé na importancia da prevención como principal ferramenta para combater os lumes, e detallou que a Dirección Xeral de Defensa do Monte realiza traballos continuos durante todo o ano, como a creación de cortalumes, a construción de depósitos de auga, a xestión da biomasa e a apertura de camiños para mellorar o acceso ás zonas de emerxencia.
Gómez rematou a súa intervención subliñando que estas accións buscan «concienciar aos adultos de mañá» e ensinarlle á infancia como actuar en caso de detectar un incendio forestal, recordando que deben chamar ao 085 ou ao 112.