Vacafest 2025: Casa Grande de Xanceda organiza un festival rural con vacas, muiñeiras e moita retranca
GANADERÍA

Será o 26 de xullo pola tarde na granxa ecolóxica
23 jul 2025 . Actualizado a las 21:45 h.Nun tempo marcado polos macrofestivais urbanos, Casa Grande de Xanceda aposta polo contrario: volver á orixe. A súa proposta chámase Vacafest, un festival rural que se celebrará o 26 de xullo pola tarde na súa granxa ecolóxica, situada en Mesía. A marca preséntao como un evento «sen brilli brilli nin postureo», onde as vacas serán as verdadeiras protagonistas.
«Vivimos nunha época de festivais masivos, e nós queremos algo natural e familiar», explican desde a organización.
O programa de actividades está pensado para todas as idades e inclúe obradoiros de baile tradicional, xogos populares, coctelería, degustacións, un parque feito con pacas de palla e un circuíto de tractores. Pero o prato forte será o desfile de verán das vacas, previsto para as 19:30 horas, coincidindo coa súa rutina diaria de regreso aos prados tras o muxido.
O desfile contará coa música dos gaiteiros Faiscas da Pontragha, que abrirán o paso, e será pechado polas pandeireteiras da Escola de Música Tradicional do Concello de Mesía, interpretando a Muiñeira de Mesía. Entre eles, os tractores da granxa decorados con guirnaldas florais e as vacas, tamén engalanadas para a ocasión.
«Adaptámonos ao ritmo das vacas. Este é o seu momento, e nós somos os convidados», sinalan con humor desde Xanceda.
Antes do desfile, celebrarase unha pequena foliada, ideal para que as familias poidan practicar os pasos aprendidos no obradoiro de baile.
A entrada ao evento conseguiuse a través dun sorteo especial para os consumidores dos produtos Junior da marca, o que lle engade un punto de exclusividade á experiencia.
Vacafest celébrase un día despois do 25 de xullo como un xeito “de festexar o Día de Galicia poñendo en valor o sector primario e ás vacas”. Un festival que non precisa luces de neón nin cabezas de cartel para reivindicar o rural… con orgullo, tradición e moito sentido do humor.