Lugo converterase un ano máis na sede das razas autóctonas con ExpoLugo A Rural, que acollerá máis de 60 exemplares

LA VOZ LUGO

GANADERÍA

A exposición presentouse este martes nos Xardíns da Deputación
A exposición presentouse este martes nos Xardíns da Deputación Óscar Cela

A mostra estará dispoñible durante os días 4 e 5 na contorna de O Vello Cárcere. Inclúe tamén o tradicional desfile de gando e varias charlas divulgativas

30 sep 2025 . Actualizado a las 20:26 h.

Lugo evocará un ano máis a orixe gandeira do San Froilán coa mostra ExpoLugo A Rural, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro na cidade amurallada co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación, e da área de Cultura do Concello.

A mostra contará cunhas 60 cabezas de diferentes razas autóctonas de Galicia. De gando bovino haberá Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega. No que se refire a ovino contará con ovella e cabra galega, e en canto a porcino haberá porcos celtas. Tamén na mostra se lucirán a galiña de Mos, a galiña Piñeira, cabalos de Pura Raza e cans de palleiro, ademais doutros animais de diferentes procedencias recoñecidas polas súas características físicas ou rendemento como as ovellas Suffolk, Charolesa, Romanov, Churra e Texel Negra e vacas Charolesas. Cómpre engadir que no recinto, instalado na contorna de O Vello Cárcere, tamén se poderá ver maquinaria clásica que achega o Muvicla.

Ademais da mostra gandeira, no contexto de ExpoLugo A Rural organízaseo tradicional desfile de gando, no que máis de 30 animais percorrerán as rúas do centro da cidade o domingo 5 de outubro a partir das 13.30 horas, coa familia Pelúdez á fronte. E tamén a mostra inclúe un programa de charlas divulgativas, que se celebrarán o sábado 4 no Pazo de Feiras.

O deputado de Rural, Daniel García, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e o presidente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López, acompañados por representantes das asociacións gandeiras Boaga, Asoporcel, Avimós, Ovica e Acruga, presentaron onte a mostra nos Xardíns da Deputación. O deputado agradeceu «o traballo desenvolvido polo persoal do Pazo de Feiras e polas asociacións gandeiras e colexios profesionais que ao longo do ano traballan na organización da mostra, que conseguimos relanzar coa decisión de subila á cidade e integrala nas actividades lúdicas e culturais do San Froilán».