 
	
											Na actualidade hai declarados 23 en distintas fases de execución
25 jul 2023 . Actualizado a las 16:51 h.O polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde, onde agora se están a realizar traballos de roza, foi o escenario onde o conselleiro do Medio Rural, José González, aproveitou para lembrar que en Galicia estanse a movilizar perto de 9.000 hectáreas a través desta figura que impulsa a Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia. Estas están distribuídas en algo máis de 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.
Neste senso, como avanzan dende Medio Rural, o conselleiro lembrou que a comunidade conta cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases.
No que atinxe á provincia de Pontevedra, José González indicou que son tres os polígonos declarados, os cales mobilizarán preto de 235 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cerdedo-Cotobade, que contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños, cuxo principal uso será a produción de mazá de sidra. Amais, nesta provincia están tamén os polígonos de Mandelos (Crecente) e de Panascos (Tomiño).
O titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. Ademais, cómpre sinalar que a mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado. A lei marca que con este polígono agroforestais pódense dar cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.
Aldeas modelo
Xunto a estes 23 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Precisamente, unha delas está no municipio de Cerdedo-Cotobade, en Mouteira-Parada. Dita aldea conta cunha superficie de case 18 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 427 parcelas de 109 propietarios. O seu uso principal perfílase para a gandaría en extensivo e a plantación de árbores para a obtención de froito.
Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a lei en maio de 2021, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.
Axudas dinamización núcleos
Cabe lembrar que a Consellería sacou unha liña de axudas para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Así, a convocatoria deste ano 2023 conta cun orzamento de dous millóns de euros. Precisamente, o concello de Cerdedo-Cotobade foi beneficiario de dúas subvencións. Unha das axudas foi para a creación de beirarrúas en varias rúas da aldea, mellorando tamén o tránsito das persoas con problemas de mobilidade reducida e instalando unha rede de recollida e drenaxe de pluviais. A segunda achega será para a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da Igrexa e do cemiterio de San Pedro de Parada. Con estas axudas, búscase mellorar a calidade de vida e a contorna habitada dos núcleos rurais vinculados aos instrumentos de recuperación, ao tempo que se melloran infraestruturas para o desenvolvemento de actividade económica.
