O emprendemento no agro como vía para estimular o desenvolvemento territorial
SOSTENIBILIDAD
La Voz organizou un encontro dixital centrado nas oportunidades de emprego actuais
25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.En Galicia, o emprendemento no ámbito rural experimentou un crecemento significativo nos últimos anos. A taxa de actividade emprendedora (TAE), segundo se extrae do último Informe GEM, chegou ao seu nivel máis alto na última década acadando o 5,4% no 2023. Sobre as axudas económicas, programas específicos, necesidades e demandas debateron, nun encontro dixital celebrado no plató da redacción central de La Voz, José Balseiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; Jorge Eiroa, director de Compras de Vegalsa-Eroski; Nuria Varela, cofundadora de Pazo de Vilane; Fernando Veiga, xerente da cooperativa Horsal; e Susana Aguiar, socia de Kalekói. Os cinco coincidiron nas grandes oportunidades que se agochan no rural, aínda que con matices. «Depende dos sectores, pero está demostrado que cada vez hai máis proxectos que están contribuíndo, cada vez chega máis xente cunha formación extraordinaria e con ideas gañadoras, innovadoras e conectadas coa sociedade», apuntou Balseiros. Nesa mesma liña, Eiroa asegurou que «para Vegalsa-Eroski é moi importante contar con empresas como as que están presentes neste encontro». É así porque —engadiu— «dentro da nosa política de apoio a provedores galegos, está o obxectivo de coidar o entorno, de estar preto deles e axudalos para poder ofrecerlle aos consumidores os mellores produtos». Os tres provedores presentes no debate afondaron na situación actual. Así, o xerente de Horsal, indicou que «creo que se abren oportunidades para o sector primario, pero a realidade tamén di que non é doado que haxa relevo e se manteñan explotacións, a competencia doutros ámbitos aínda ten incidencia». Varela incidiu nas necesidades e mencionou «la vivienda, la conectividad y las infraestructuras». A xerente de Pazo de Vilane botou a vista atrás ao lembrar o ano 2020, «no que demostramos que somos un sector esencial». Agora, «tenemos que tener un ecosistema para desarrollar ideas disruptivas dentro de la industria agroalimentaria». Pola súa banda, Aguiar asegurou que os produtores «temos paixón polo noso traballo, pero isto é unha actividade económica, ten que xerar beneficios e competir con outras industrias é complicado». No seu caso, unha das grandes vantaxes, «é estar ao lado do leite, a materia prima principal».
Man de obra
A dificultade para atraer talento e man de obra foi unha das cuestións más repetidas. «Entendemos que vivir no campo debería ser un aliciente, pero non é suficiente, así que intentamos que os nosos traballadores sexan unha parte máis da familia». En Pazo de Vilane, «lo contrarrestamos generando un vínculo sobre el propósito empresarial, con buenas condiciones y ambiente laboral favorable». E no caso da cooperativa de horta Horsal, «non é unha cuestión crítica», indicou Veiga. Aínda que no último plan estratéxico que elaboraron, recoñeceu, «o problema da man de obra saíu de forma recorrente». Favorecer e impulsar a formación dual, man a man coa Consellería de Educación, é un dos plans nos que traballa Medio Rural para dotar aos alumnos de experiencia e práctica no sector primario.
Á hora de enumerar as iniciativas que impulsa Medio Rural para apoiar o emprendemento e a consolidación de proxectos, Balseiros explicou que «está a terse unha sensibilidade especial». Dende o seu departamento, indicou, as axudas son numerosas. «Á incorporación de mozos dedicámoslle 20 millóns ao ano». Tamén mencionou as axudas á maquinaria e á dixitalización. Como novidade, apuntou, «queremos facer misións a terceiros países, centro e norte de África e centro e sur de América, para captar a persoas interesadas en vir a traballar».
Un dos elos fundamentais da cadea agroalimentaria é o da distribución. O director de Compras de Vegalsa-Eroski sinalou que «cada vez daremos máis protagonismo aos produtores galegos». O ano pasado a compañía destinou 539 millóns a compras a provedores locais. «Unha parte do noso éxito é ese e queremos seguir nesa liña», adiantou Eiroa.
Galicia, despensa de España e Europa
Galicia reúne as condicións ideais para mellorar a súa posición como referente agroalimentario. Non hai sector no que non teña protagonismo. En produción cárnica, no lácteo ou no viño. A calidade dos seus produtos valórase dentro, pero tamén máis aló das súas fronteiras. Por iso, a cofundadora de Pazo de Vilane apuntou que «Galicia puede llegar a ser la gran despensa de España, pero hay que cuidarla. El futuro lo veo positivo si se hace una apuesta por proteger nuestro entorno». As súas palabras foron ratificadas polo director xeral de Agricultura, Gandería e Industrias Agroalimentarias. Balseiros engadiu que «se a desertización segue avanzando non só seremos despensa de España, senón de Europa. E algo que xa escoitei en Madrid e en Bruxelas».
Un recoñecemento ás condicións naturais de Galicia ao que se sumou o director de Compras de Vegalsa-Eroski ao insistir en que «temos unha sorte tremenda de estar onde estamos e esa circunstancia é algo que temos que aproveitar». Ao aludir aos desafíos de futuro, Eiroa adiantou que, no caso da compañía de distribución, a estratexia de futuro pivotará, sobre principios sustentables. Os representantes de Horsal e Kalekói coincidiron en cualificar o futuro de «optimista», pero non esqueceron retos e desafíos como o da despoboación.