A Xunta convoca axudas para mellorar o control de calidade dos produtos agroalimentarios galegos

La Voz

SOSTENIBILIDAD

XOAN A. SOLER

A idea é apoiar os programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería do Medio Rural publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución que establece as bases reguladoras da liña anual de axudas dirixida aos consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentaria. O orzamento total destinado a esta convocatoria ascende a 360.000 euros.

Estas subvencións teñen como obxectivo financiar programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos protexidos por algún distintivo de calidade. Segundo a Consellería, estas axudas permitirán que os consellos reguladores manteñan «o elevado nivel de rigorosidade necesario na realización das súas tarefas de control», un aspecto considerado esencial para a boa reputación das denominacións de orixe e indicacións xeográficas da comunidade.

Entre as actuacións subvencionables inclúense as actividades de control, estudos e investigacións orientadas á mellora da calidade dos produtos protexidos, así como os gastos relacionados coa acreditación e mantemento do consello regulador como entidade certificadora.

Tamén se poderán cubrir cos fondos os custos operativos e retributivos do persoal implicado na execución dos programas de calidade, incluíndo nóminas, desprazamentos, manutención e aloxamento.

O prazo para presentar solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación da resolución no DOG.