Últimos días para presentar candidaturas aos Premios Galicia Alimentación

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

SOSTENIBILIDAD

Cedida

O prazo estará aberto ata o 15 de maio ás 14.00 horas a través da web do Clúster Alimentario de Galicia

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Clúster Alimentario de Galicia mantén aberto ata o xoves 15 de maio, ás 14.00 horas, o prazo para presentar candidaturas aos Premios Galicia Alimentación. Estes galardóns buscan poñer en valor a excelencia, a innovación, a traxectoria e a proxección do sector da alimentación e as bebidas.

A undécima edición contará con dúas categorías principais. A primeira, «Alimentos e bebidas», inclúe dous premios: o Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador, que distingue produtos con innovación en ingredientes, formulacións, envases ou deseño, e o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente, que valorará alimentos e bebidas con valores tradicionais adaptados á actualidade, con especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.

A segunda categoría, «Iniciativas do Sector Alimentario», recolle tres recoñecementos: o Premio Galicia Alimentación á Proxección e Estratexia de Mercado, que valorará o posicionamento nacional e internacional; o Premio Galicia Alimentación á Innovación, destinado a proxectos innovadores na organización, produción ou modelo de negocio; e o Premio Galicia Alimentación á Sustentabilidade, que distinguirá prácticas sostibles no sector. Ademais, o Clúster poderá outorgar un Premio Honorífico Galicia Alimentación a personalidades con traxectoria destacada na industria alimentaria.

As candidaturas poden presentarse a través do formulario dispoñible na web clusteralimentariodegalicia.org. Poden optar persoas físicas, autónomos, empresas de todos os tamaños e institucións galegas ou de fóra que teñan contribuído á promoción dos produtos alimentarios de Galicia.

A entrega dos premios está prevista para o xoves 26 de xuño, nunha gala que se celebrará no marco do Foro Galicia Alimentación, co apoio institucional da Xunta de Galicia e o patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadisa, Vegalsa Eroski e a Fundación Semana Verde de Galicia.