Teatro nos escaparates da zona monumental de Compostela Chévere interpreta pequenos números de teatro aproveitando os argumentos que os escaparates poden ofrecer nunha iniciativa dos comerciantes da zona vella
22 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Os escaparates son a primeira liña do capitalismo. Son o anzol escénico que o consumo pon diante dos ollos. As vidreiras son a parte espectacular do comercio, a tentación que vive no lado cotián do pasar. O sentido do espectáculo reafírmase estes días tras dos vidros dalgúns establecementos composteláns da zona monumental. Chévere está montando numeriños para que os paseantes, camiñantes, consumidores, turistas de inverno, fagan un alto e comproben que hai sorpresas na mismísimas luminarias do consumo. Onte comezou esta iniciativa que continuará hoxe e que está promovida polo colectivo Compostela Monumental e realizada pola compañía Chévere para «converter os escaparates en lugares de intervención cultural, en escenarios liberados da súa rutina e da súa pasividade». Nada máis coherente que ler no escaparate dunha librería ou facer prestidixitación na pequena xanela dunha xoiería. Tamén é argumental ver como cambian as personalidades segundo un cambia de sombreiro, que era un vello dito dunha cultura que, creo, tiña bastante que ver co vello Casino de Compostela. Sen importunar a ninguén que non se deixase importunar, Chévere foi detendo o paso peonil nas seis intervencións realizadas onte. En realidade, tiñan a mesma mellor intención subversiva que acompaña habitualmente ás aventuras escénicas da compañía compostelá. Poñer unha nota, tamén musical, de sentidiño neste rebumbio de euros e panxoliñas que vén sendo o Nadal. Por exemplo, un Papá Noel pirata que aparece como capitán xusticeiro e pinta unha cristaleira de branco para protestar contra o espírito comercial navideño sen, necesariamente, reclamar a presencia do espírito relixioso. Mark Twain convocado nunha lectura dos seus famosos, pero non tanto, diarios de Adán e Eva, (pero o politicamente correcto sería dicir Eva e Adán) que no seu día publicou con mimo Edicións Positivas. O travestismo dos sombreiros que ben podería ser un signo dos tempos ou só un catálogo de en cantas cousas hai que traballar para gañarse a vida entre que un deixa de estudiar e ten dereito a mangala coa xubilación. Tamén pintura En directo, como se un escaparate fose tamén un espello coa capacidade de facer retratos, a pintora Renata Otero puxo mans na pintura para retratarse ela xunto a xente que asoma con curiosidade a cara tras dos vidros. Cunha bóla a modo de espello, sentada de costas ós consumidores que pasan, a pintora dispara cada pouco tempo a súa polaroid para incorporar as instantáneas a este cadro en marcha. Mentres decembro tira os números do termómetro, Chévere volve subir hoxe as temperaturas dos escaparates. Dun xeito que permitirá que as cartas do mago fagan ilusións sobre carísimos reloxios de infinitos quilates. Brillo insuperable ou superable só pola presencia dos tres tenores nunha xastrería. Espectáculo que servirá para pechar este tempo de desinteresados escaparates.