O director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Ignacio Varela, encabeza unha delegación do sector que asiste en París ao primeiro Encontro Franco-Español de Cine que se celebra entre hoxe e o vindeiro xoves. O grupo complétano os produtores Pancho Casal, de Continental Producciones; Cani Martínez, de Filmanova; e Javier Valiño, de Aldea Films. Estas xornadas organízaas o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e a entidade pública francesa Unifrance para tratar dos problemas dos sectores implicados na industria cinematográfica, do aumento das coproducións e da maneira de mellorar a distribución. O responsable do Consorcio Audiovisual galego vai participar nunha mesa redonda na que o tema de debate será o papel das rexións en Europa, medidas de fomento e as coproducións. Ignacio Varela pensa que é unha boa ocasión de informar da actividade audiovisual que se fai en Galicia, así como de poñer de manifesto a necesidade de tomar conciencia da importancia que teñen as comunidades autónomas no contexto español. E tamén da importancia das rexións en Europa «para o fortalecemento do audiovisual no continente», dado que as medidas e acordos estatais teñen que reflectirse e executarse no marco das rexións, «que é nas que reside a forza creativa, profesional e empresarial, e polo tanto constitúen unha nova forma de entender o sector». Para Varela ,«é difícil entender a permanente reivindicación da diversidade cultural sen contemplar que é nesa división territorial onde se atopa a esencia dese concepto». Asegura que a busca desa complementariedade suporá unha nova opción para o sector audiovisual europeo «ante calquera intención de colonialismo cultural».