Os novos libros de Auster, Barnes e Amis sairán en galego no outono

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

TONI ALBIR

Galaxia crea a Biblioteca Compostela de Novela Europea para publicar traducións Galicia vive unha auténtica explosión de novidades procedentes doutras linguas

22 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Autores ingleses como Martin Amis e Julian Barnes, norteamericanos como John Updike e Paul Auster, alemáns como Sebald e Daniel Kehlmann, ademais do italiano Andrea Camilleri e o francés Michel Houellebecq, formarán parte do outono literario galego. Varias editoriais teñen programada a publicación dos seus libros, case unha vintena de traducións que revalida a aposta que se está a facer por achegar a escritores doutras linguas, moitos deles contemporáneos, ao sistema galego. Un fito máis nesta tendencia é a creación por parte de Galaxia da Biblioteca Compostela de Novela Europea, que conta co patrocinio da Concellaría de Cultura de Santiago, e na que se publicarán os gañadores do Premio de Novela Europea Casino de Santiago, xunto con outras traducións. Nesta nova colección aparecerá a finais de outubro A casa dos encontros , de Martin Amis. Trátase dunha novela ambientada na Rusia de Stalin, que vén acompañada por dous relatos curtos e un deles promete polémica: o escritor reconstrúe a última semana de Mohamed Atta, un dos pilotos do 11-S. Os atentados e o fundamentalismo relixioso atópase tamén na cerna de Terrorist , de John Updike, e que Xerais ten previsto publicar no primeiro trimestre do 2007. A Italia da guerra Galaxia tamén achegará ao lector galego A pensión Eva , a última novidade de Andrea Camilleri. Nesta novela recrea a Italia de finais da Segunda Guerra Mundial a través dos ollos dun rapaz engaiolado coas inquilinas dun bordel, que ve dende o tránsito á adolescencia. O terceiro título da Biblioteca Compostela virá das letras xermanas. Daniel Kehlmann converteuse nos últimos meses nun verdadeiro éxito de vendas no seu país e en Estados Unidos cunha novela no que os personaxes principais son o matemático Gauss e o naturalista Von Humboldt. O título en galego, aínda que non é definitivo, é As medidas do mundo . Para estes vindeiros meses Galaxia tamén ten a punto o novo libro de Paul Auster, As viaxes polo escritorio , unha obra que o propio autor define como estraña e na que reaparecen personaxes das súas novelas anteriores, ademais do último volume publicado por W.?G. Sebald, Campo Santo . Pola súa banda, Xerais prepara, ademais do libro de Updike, novidades na colección As literatas. Ancho mar do argazo , o clásico de Jean Rhys, é unha das traducións que chegarán proximamente ás librerías. Baixo o mesmo selo aparecerá A nai cruel , de Sian Busby, unha historia na que unha nai que sofre depresión posparto investiga nun segredo familiar con terribles revelacións. Noutra colección, en colaboración co Centro Dramático Galego, Xerais publicará Que pasou con Nora cando deixou o seu home , da premio Nobel austríaca Elfriede Jelinek, mentres que na xuvenil Fóra de Xogo aparecerá a terceira entrega da triloxía dos elfos de Herbie Brennan, titulada en inglés The Ruler of the Realm . O caso de Conan Doyle Rinoceronte, un selo especializado en traducións, achegará catro novidades de aquí a finais do ano. A primeira é Arthur e George , de Julian Barnes, que estará na rúa arredor do 15 de setembro. Barnes novela un caso real do creador de Sherlock Holmes, Arthur Conan Doyle, no que o escritor loitou por sacar de prisión a un xoven avogado inxustamente encadeado. A continuación aparecerá A posibilidade dunha illa , de Michel Houellebecq, novela estruturada sobre os monólogos cáusticos dun home que relata os seus encontros sexuais e a súa visión fría da sociedade. Despois chegarán Pericle o negro , de Giuseppe Ferrandino -a historia dun peculiar sicario da mafia siciliana- e o clásico do checo Bohumil Hrabal, Unha soidade demasiado ruidosa .