Televisión de Galicia, a canle máis vista na comunidade

La Voz

TELEVISIÓN

«Padre Casares» segue dominando a súa franxa horaria

03 may 2008 . Actualizado a las 02:40 h.

Os primeiros datos do EGM deste ano 2008 sitúan á Televisión de Galicia como a canle máis vista na comunidade, cunha cota de pantalla media do 21,4%, de luns a domingo; de luns a venres, esta porcentaxe sitúase no 21,2%. Segundo estes datos, TVG supera en 2,4 puntos porcentuais a Telecinco, a canle que segue liderando sen problemas as audiencias en todo o territorio estatal. Outro dato salientable é que a TVG é a canle xeneralista que máis incrementa a súa cota de pantalla, e a única que resiste ao proceso de fragmentación que existe actualmente.

Sobremesa

Unha vez máis, a franxa que sae máis favorecida é a da sobremesa, marcada cun forte carácter informativo, na que os programas acadan unha media de 31,6% de cota de pantalla, que sitúan a canle autonómica como líder indiscutible de audiencia, con máis de 8 puntos por riba de La Primera de TVE, e triplicando a media de Antena 3 (10,6%) e de Telecinco (12,1%).

Esta franxa supera o 50% de cota de pantalla na hora e media ocupada polos informativos Galicia noticias e Telexornal 1 , acadando un pico de 56,8% de cota de pantalla entre as 14.00 e as 14.30 horas.

«Padre Casares»

Por outra banda, o segundo mellor resultado de TVG foi na franxa de noite, a denominada prime time (a partir das 20.00), na que obtén un 21,1% de share , moi folgadamente por riba do resto das canles estatais.

Entre os espazos máis vistos nesta franxa horaria destaca a emisión do serial Padre Casares, protagonizado por Pedro Alonso, que está a converterse nun auténtico éxito de audiencia, con una cota de pantalla do 20,7%, superando a espazos como Operación Triunf o ou series como House ou Los Serrano .