Sue Ellen, a bébeda máis famosa de Galicia

Pilar Vegas REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

Un concurso para celebrar os 25 anos da TVG busca que os usuarios de Twitter elixan a frase máis mítica da dobraxe das películas en galego

12 may 2010 . Actualizado a las 16:37 h.

Harrison Ford nunca, que se saiba, visitou Galicia. Unha mágoa, pero iso non impediu que o seu galego sexa envexable ata na entoación, como demostra nas películas da saga StarWars cando a TVG as emite. A frase «Terma Chiwi, que escorrego!» co que o seu personaxe Han Solo alerta a Chewaka cando esvara da ala do Halcón Milenario no O imperio contraataca é unha boa proba do nivel avanzado do galego do actor de Hollywood. E tamén mostra do traballo de dobraxe e adaptación que se fixo na Televisión de Galicia para achegar grandes filmes a pequena pantalla.

Dende o mítico «Sue Ellen, estás bébeda» de Xotaerre (vídeo en youtube) na serie Dallas, ao «Hei volver» de Terminator a dobraxe na Galega deixou frases que son xa absolutos clásicos da televisión.

De feito, a Televisión de Galicia quere seleccionar a que os espectadores consideran «a mítica frase da dobraxe en galego» como unha das iniciativas para celebrar o vinte e cinco aniversario da canle. Para iso puxo en marcha un concurso, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios, para que o publico vote a súa favorita.

Ata o pasado 30 de abril os usuarios da rede social Twitter puideron propoñer as súas frases. En total, recolléronse 98 anacos da historia do cine que non teñen desperdicio nin deixan xénero sen reseña.

No de aventuras están Batman e Robin -«¿Oíches, Robin? ¡Estragámo-lo Batmóbil contra un penedo!»-, ou a fantástica adaptación á cultura galega feita na parodia Hot Shots 2 -«Escomezamos a mañá cunha tonada de Ana Kiro»- sen esquecer os clásicos -«Francamente querida impórtacheme un carallo» que lle di un rectísimo Rhett Butler a Scarlett O'Hara en Foise co vento . Ata o vindeiro día 21 de maio poden votarse as candidatas que polo momento, con 400 opinións en oito días, encabeza o «Vai rañala, raparigo» de Arnold Schwarzenegger en Terminator 2.

«Son clasicazos, algunhas delas xa están na fala cotiá», di José Manuel García, coordinador do proxecto que tamén está integrado dentro dos plans para a promoción das aulas virtuais Cemit (centro de modernización e inclusión tecnolóxica) que promove a Secretaría Xeral de Medios. «As votacións teñen que facerse a través da Rede, dándose de alta en Twitter, unha rede social case en tempo real que non ten os problemas de outras», explica José Manuel García, que engade que «o obxetivo é dar a coñecer á xente que ten esas posibilidades na rede ao seu servizo, acceso as aulas e a os eventos que facemos».