O Rexistro Civil de Vigo puxo en marcha a aplicación informática Inforeg-4, que permite facer efectivo o principio de inscrición en galego tanto de bodas como de nacementos, cando os cidadáns o soliciten. Esta medida, levada a cabo polo Ministerio de Xustiza coa colaboración da Consellería de Presidencia, supón a aplicación da modificación do artigo 23 da lei de Rexistro Civil introducida pola Lei 12/2005, e estaba condicionada á informaticación destes organismos, algo que en Vigo non se fixo ata o de agora.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza participou no desenvolvemento da aplicación informática realizando as tarefas de tradución ao galego de todos os seus interfaces, bases de datos, menús e textos. Así mesmo, colaborou na conexión dos equipos informáticos, que utilizarán a rede corporativa da Xunta para a súa conexión cos servidores de Inforeg situados no Ministerio de Xustiza. Esta conexión cos servidores informáticos do rexistro realizarase por primeira vez a través da Intranet Administrativa.
Esta reforma legal senta o principio de inscrición na lingua oficial da Comunidade Autónoma cando os cidadáns así o soliciten. Se ben xa hai anos que os rexistros civís entregaban certificacións de nacemento, matrimonio e defunción que eran bilingües, os seus libros estaban redactados exclusivamente en castelán, polo que todas as inscricións e anotacións se realizaban nesta lingua. A partir de agora, a inscrición realizarase directamente en galego se esta é a lingua utilizada nos impresos de solicitude.
Implantación escalonada
A planificación do Ministerio de Xustiza prevé así mesmo que a informatización dos Rexistros Civís de Vigo (xa en marcha desde esta semana), Pontevedra (previsto para a vindeira semana), Lugo, Ourense, Santiago e Ferrol se realice de forma progresiva. Todos os rexistros informatizados permitirán as inscricións en galego.
Para impulsar o proceso de implantación de Inforeg 4 en Galicia, a Consellería de Presidencia asumirá a formación para a posta en marcha da aplicación nos xulgados de primeira instancia dos demais partidos xudiciais.
Dende a Mesa Pola Normalización Lingüística recordan que esta iniciativa tiña que estar en uso hai xa dous anos, cando se aprobou a lei de Rexistro Civil. Din que no eido da xustiza non están amparados os dereitos dos cidadáns galegofalantes, entre outras cousas, porque os xuices non teñen a obriga de coñecer o idioma galego.
«Isto entra en contradición coa Carta Europea das Linguas do Consello de Europa, que España aprobou; na xustiza non se cumpre porque non se garanten os dereitos dos que empregan a lingua galega», di Carlos Callón, presidente da Mesa.