«En Vigo vou facer viguesadas»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

M. MORALEJO

O cómico xunto a Rober Bodegas actuarán en Salesianos o sábado

08 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Teatro Salesianos recibirá o sábado, a partir das 22.00 horas, unha nova entrega da Noite de retranca, esta vez protagonizada por Cándido Pazó e Rober Bodegas.

-¿Como vai ser o espectáculo?

-Vai ser un monólogo, antes chamados espectáculos teatrais dun soa persoa, iso que en Norteamérica chaman stand up comedy. O que toda a vida chamouse contar historias, vamos.

-¿É distinto ao contar contos?

-Non, para min é utilizar a palabra para estar una hora establecendo unha comunicación oral. Cada un ten o seu estilo.

-¿Cal é o seu?

-Eu son partidario de contar unha historia en termos narrativos, con personaxes, principio e fin. Outros, como Rober Bodegas, prefiren ir unindo anécdotas ou comentarios sobre aspectos da vida diaria. Facemos unha boa combinación porque non nos repetimos en estilos.

-¿A xente ten gustos distintos á hora de rir?

-Si, por iso cando me preguntan polos temas que vou tocar, dígolles que primeiro teño de mirarlle a cara ao público. Depende da idade, do extracto social ou do momento, aínda así hai quen vai a tiro fixo porque ten un repertorio.

-¿E en Vigo haberá tiro fixo?

-Só sei que van ser cousas relacionadas coa memoria colectiva de Vigo, ou sexa, en termos humorísticos e sen que se me malinterprete, vou facer viguesadas. Porque eu son de Vigo e toda a miña memoria emocional da que me surto e os personaxes son dese entorno. Un pouquiño, trátase de facer Amarcord porque todos temos esas historias de cando estabamos na escola, etc.

-Nestes momentos ten varios traballos directa ou indirectamente recorrendo Galicia. ¿En que faceta está máis cómodo?

-Se como autor sae algo que está funcionando tan ven como As do peixe a satisfacción é grandísima; dirixir, que tamén estouno facendo agora, tamén me gusta; ou tamén coas miñas pequenas historias de teatro, como Memorias dun neno labrego, entusiásmame e vou pola función 106. Quizais en Memorias e no Decamerón é onde me sinto máis completo porque están todas as miñas facetas.

-¿Que fixo hai pouco en Brasil?

-Levei o Decamerón a Sao Paulo, ao Festival do Teatro Iberoamericano.

-¿E pillan o humor?

-O humor é máis difícil de transportar que as emocións. Estas son internacionais. Sentirse triste ou namourado é igual. É certo que as veces esperas unha reacción e non funciona porque estas tocando un aspecto que eles non teñen, e por iso vas en garda para non quedar demasiado sorprendido. Tes que estar ti tamén a pillalas. Canto máis intelixente é o humor máis difícil é de transportar.

-Parece que hoxe en día calquera actor fai monólogos. ¿Que opina?

-É unha fórmula perfecta para estes tempos tan críticos porque é unha persoa enriba dun escenario e iso é unha fórmula perfecta en termos de produción. Tamén é certo que prospera a fórmula de famosete da televisión, como a xente vai ir velo diga o que diga e faga o que faga, móntanlles xiras por toda España. Hai moita xente que sendo excelentes actores non serven como monologuistas porque son técnicas distintas. Outros si son capaces, como por exemplo Carlos Blanco, por dicir un moi mediático e excelente enriba dun escenario. Non os critico pero xa o facía dende sempre por vocación, pero tamén por buscarme a vida, claro.

cándido pazó actor